Arquivo para a categoría Sen clasificar.

Leccións de censura

Por Betti Vázquez
Mar 24

A cerimonia argallada para prender o facho que alumeará os Xogos Olímpicos de Pequín deixou hoxe unha mostra máis da facilidade que China ten para facer calar ás ‘voces discordantes’.

As leccións de censura empezaron a comezos de mes, cando os tibetanos exiliados emprenderon a súa particular cruzada para protestar contra as Olimpíadas e contra o Goberno chino.

1. Que hai manifestacións para esixir respecto ós dereitos humanos? Que se están vendo en todo o mundo, alimentando as posturas contrarias a China? Pois nada, censuramos canles ‘pequeniñas’ coma a BBC e a CNN e listo!

tibet_faldon1.jpg

2. Que no propio país tamén medra o descontento? Procura que a túa canle sexa a única que emite imaxes. E procura que as imaxes mostren ós ‘malos’ en acción: nos enfrontamentos entre a Policía e os ‘pancarteiros’, os feridos son sempre, sempre, os primeiros.

tibetmanifa_faldon.jpg

3. Que o Dalai Lama se pon parvo e di que vai dimitir de líder se non paran as batallas? Bótalle toda a culpa a el. Quere boicotear os Xogos Olímpicos!

4. Que estás dando un discurso e aparece algún esixindo respecto ós dereitos humanos? Aplicas o berro dos mosqueteiros: ‘todos para un, e un para todos!’. Dos 1.000 policías que hai, mandas cinco ou seis (ou sete) para reducilo. E coma se nada pasase, segues co teu discurso e sorrislle á cámara.

Debate?

Por Betti Vázquez
Feb 26

Un candidato sentado a anos luz do outro. Un moderador incapaz de reconducir cara o futuro unhas intervencións ancoradas no pasado. Unhas quendas controladas por un árbitro de baloncesto agochado en cada esquina do plató. E nin unha soa proposta, nin novidosa nin repetida, ningunha, a dúas semanas das eleccións.

É o resumo do agardado debate entre Zapatero e Rajoy que se celebrou onte. E nunca mellor dito o de ‘celebrou’, xa que levabamos quince anos agardando ver un cara a cara entre os dous principais candidatos á Moncloa. Sen embargo, a montaxe do espectáculo ofrecido moito lembrou a aquel González vs. Aznar.

debate_mesa.jpg

Os dous aspirantes, en teoría máis obrigados a explicar os seus ‘plans’ de futuro ca en revisar os do pasado, fóronse polas ramas. En hora e media de debate (máis os cinco minutos que nin Campo Vidal, cronómetro en man, puido evitar) apenas se escoitou falar de sanidade ou de educación.

A expectación xerada antes do arranque, con conta atrás incluída, presaxiaban un duelo en toda regra. Vaia, que non defraudarían. Pero a longa e pesada presentación de Campo Vidal, coa enumeración unha a unha de tódalas televisións, radios e demais que emitirían o debate, deixou claro dende o primeiro minuto que o formato escollido deixaba moito que desexar.

O deseño pechado dos bloques e o ‘respecto’ dispensado por Zp e Rajoy, que nin se molestaban en darse réplica, converteron noutro debate sobre o estado da nación o cara a cara máis agardado. O monólogo de despedida do candidato popular queda para a memoria.

Unha profesión ”real”

Por anxacorrea
Feb 2

Os que non teñen que traballar de cando en vez se paran a pensar a que se dedicarían se tivesen que levar as fabas a casa e non llelas trouxesen en bandexa dourada. Así, o Borbón junior sempre sentiu atracción polo mundo do xornalismo, aínda que ao final estudou unha carreira de proveito e todo quedou como unha vocación “consorte”.

Chegado aos 25, agora o Príncipe William afronta as incertezas propias desta idade: o futuro laboral. No seu entorno xa lle van buscando enchufes, por se aquilo da guillotina se volve poñer de moda ou por non cantar demasiado. Barallan un posto no Ministerio de Asuntos Exteriores ou nalgún departamento do Goberno para ver como traballan os funcionarios. Pero o máis probable é que o primoxénito de Lady Di sexa plumilla por un ano. ¿Haberá Feugas tamén na pérfida Albión?

A ideoloxía tamén conta

Por Betti Vázquez
Xan 22

Infojobs, un dos portais de internet máis consultados á hora de buscar emprego, colga unha oferta para un posto de secretaria de dirección en Madrid. E coma en toda oferta, quen quixese optar ó posto debía reunir uns requisitos: vehículo propio, dominio de idiomas, experiencia, e bla bla bla. Ata aquí, todo normal.

Pero a última das liñas que viña encabezada polo ladiño ‘Requisitos mínimos’, hai un que chama a atención. A futura personal assistant, como reza a oferta, deberá ter unha “ideoloxía conservadora”. E por se os candidatos teñen algunha dúbida do que isto significa, a empresa aclara entre parénteses: “Afín a partidos de dereitas”.

solicitudepeque_post.jpg

Por se alguén o dubidaba, agora queda claro. A ideoloxía tamén conta á hora de poñerse a traballar. Dentro de nada será campo obrigatorio a encher no currículo de que pé coxea cadaquén.

Palestina vs. Carla Bruni

Por Betti Vázquez
Dec 20

Esta semana arrincaba con dúas noticias que centraron a atención dos medios. A primeira referíase á Conferencia de París, a reunión internacional de doantes na procura de fondos para a construción do futuro estado palestino.

A segunda alertaba do novo romance de Nicolás Sarkozy. O presidente francés volveu á idade do pavo e paseou por Eurodisney coa cantante e ex modelo Carla Bruni. Outra tentativa de Sarkozy para tapar o sol cun dedo.
E conseguiuno. Igual que fixera canda a folga dos transportes anunciando o seu divorcio nunha eficaz manobra de despiste.

Desta vez a ‘verdade incómoda‘ era Gaddafi. A recepción cos brazos abertos dispensada nun país democrático a un ditador para que imparta leccións sobre dereitos humanos esperta críticas. Unha foto do apertón de mans con este señor deixa unha mancha. E para limpala está Carla Bruni.

Na Conferencia de París estaba en xogo o futuro de milleiros de persoas. A súa supervivenza. A noticia abriu as seccións de Internacional o luns, pero o martes xa non era noticia. Non interesaba.

O novo lío amoroso do presidente francés segue enchendo páxinas. Este man a man mediático, entre Palestina e Bruni, gañouno Sarkozy por goleada.

Un Versus falseado

Por Juan Castro
Dec 13

zp-rajoy-blog.jpgO retorno aos medios do Debate, con maiúsculas? Cando xa se converteu en habitual que os políticos solten nas roldas de prensa os seus monólogos sen molestarse en contestar aos xornalistas, case supón unha alegría ese par de “Zapatero versus Rajoy” acordados para antes das Xerais de marzo.

A ‘anormalidade’ destes últimos anos (González e Aznar foron os últimos en verse as caras en televisión, en 1996) fai que valoremos como un regalo o que case debería considerarse un dereito.

Pero tampouco sexamos ilusos. O debate vese forzado polas circunstancias, cun Rajoy necesitado de calquera oportunidade para mellorar a súa valoración pública e un Zapatero que sabe que a súa imaxe de “talantosa” non soportaría repetir o rídiculo do PP de hai catro anos.

Por outra parte será difícil que os debates teñan algunha influencia no resultado se quedan nas mans dos consultores e asesores de imaxe, autómatas que acostuman a ‘encorsetar’ cada segundo do tempo e cada centímetro do plató. Lóxico que ningún candidato nos seus cabales se tire á piscina sen guión, pero para que estes foros sexan de interese, son necesarias máis doses de espontaneidade e menos papeis.

Por último, resulta lamentable a simplificación da realidade política reducindo todos os debates a un simple cara a cara. PSOE e PP representan a unha ampla parte do electorado, pero nin o sistema español é bipartidista nin estas son unhas eleccións presidenciais, por moito que conten con esa deriva.

Nunha das tertulias radiofónicas máis escoitadas, algún colaborador incluso suxería incluso a posibilidade de realizar un debate múltiple para os candidatos de “segunda división” (cita textual) que non entorpecese o debate principal. “Non me negaredes que un cara a cara ten moito máis morbo dende un punto de vista xornalístico”, reiteraba o presentador.

Pena que a realidade sexa teimuda e que a día de hoxe os candidatos da “Liga de Campións” seguramente acaben dependendo dos fontaneiros de 2ª.

En todo caso, benvidos sexan todos os debates, e canto máis, mellor. Pero non saiamos aínda á rúa a festexar a chegada da Política 2.0…

Despistes

Por Betti Vázquez
Dec 12

Dende que Fernando Alonso e McLaren Mercedes rescindiron o contrato que os unía, a prensa colocou ó asturiano en case tódalas escuderías de cara á vindeira tempada. Dando un xiro de moitos graos, nas últimas semanas os xornais falaban de que non correría con ninguén. Os medios fixéronse eco das declaracións do piloto escocés de Red Bull, David Coulthard, e comezouse a barallar a posibilidade dun ano sabático.

O seguinte paso foi falar do enlace cun dos catro volantes que agardaban máis firmemente polo ovetense, Renault, Honda, Toyota e Red Bull. Pero o contrato sería só por un ano, xa que Alonso quería fichar por Ferrari na vindeira tempada.

Finalmente, as dúbidas despexáronse e a escudería que aprobeitará o tirón do asturiano será Renault. De súpeto, “despistámonos” e o ano sabático ou a duración do contrato deixaron de importar. Os plumillas fomos ó que nos interesaba: o soldo. Canto cobraría Alonso?

O baile de cifras oscilou os “25 ou 35 millóns de euros” que recibiría segundo Televisión Española (dez arriba ou dez abaixo…), os 42 que lle pagaría AS, ou os menos de 16 que gañaría segundo Manel Serras, o especialista do diario El País. Sen esquecer os 35 que cobraría segundo a maioría da prensa. Galiciae incluído.

Para os xornalistas semellou fundamental dar unha cifra, aínda que estivese e siga a estar sen confirmar. Cando falamos dos atentados de onte en Arxel ou desta mañá en Iraq dicimos que hai “decenas” de mortos e ficamos tranquilos. Decenas. Moitos. Que máis ten cantos? Pero con Alonso hai que afondar máis.

E afondando, boa parte dos xornais converteron ó asturiano no piloto máis pagado da historia no tempo que leva redactar unha noticia. Seguro que o agora retirado Schumacher non concorda co dato. O alemán cobrou na súa última tempada na Fórmula 1 a frioleira de 46 millóns.

De confirmarse algún día o soldo de 35 millóns por ano, Alonso sería, efectivamente, o piloto mellor pagado. Pero non da historia, senón da parrilla. Ás veces, a présa e o afán por dalo todo xóganos unha mala pasada. E de “pequenos despistes” facemos grandes portadas.

Rotativa cúbica

Rotativa cúbica

Así son as cousas do xornalismo. Ás veces parecen un contrasentido, pero quizáis só é cuestión de velas dende unha perspectiva diferente. Como non nacemos aprendidos, iremos debullando os nosos descubrimentos nesta esquina da rede.

Comentarios recentes