Cando unha organización terrorista fai público un comunicado, como xornalista a unha asáltanlle unha serie de dúbidas que nin as case esquecidas clases da Facultade, nin a práctica da profesión resolven por completo.
A máis urxente delas é en que ocasións se lle debe dar difusión a unha mensaxe dos terroristas. Sempre? Cando ameazan? Cando asumen a autoría de atentados?
O que a priori me dicta a cabeza é que para aqueles que decidiron ‘expresarse’ coa violencia as palabras pasan a un segundo plano. Por iso as súas ideas, as súas críticas, penso que non deberían ser reproducidas nos medios de comunicación, xa que esa difusión é unha propaganda de balde que non merecen.
O único comunicado de ETA que publicaría sen dubidar e en portada sería o anuncio de que a banda deixa as armas e abandona o terrorismo para defender as súas ideas primeiro desde a palabra.
Dixerido os nomeamentos dos ministros e perfilado a estrutura do goberno, chega a hora das valoracións:
¿Goberno continuista? Mantra número 1 do manual do bo goberno: ”Se funciona, non o toques” Mantra número 2 do manual do bo goberno: ”Se non funciona, lembra que máis vale malo coñecido que bo por coñecer”
¿Explica isto a continuidade de Magdalena Álvarez, Bermejo ou Moratinos? A medias.
Sinceramente, pouca xente -aparte dos cataláns- deberon ter tantas ganas como ZP de tirar un muñeco vudú con forma de Maleni ó foso dos caimáns. Pero cotas territoriais e presións de Manuel Chaves á marxe, o Ministerio de Fomento ten por diante meses de actividade frenética.
Keynesianismo obriga: “se a crise ves chegar, pon a obra pública a licitar”, así que case é preferible que a ‘mala coñecida’ acelere as obras antes de que o ‘bo por coñecer’ tarde medio ano en ubicarse.
Paradoxo, ¿traerá Maleni a tempo o AVE a Galicia precisamente pola desaceleración económica? Santo Tomás exclamaría “Ver para crer”. Un galego desencantado preferirá dicir que “Pos sus obras (públicas) las conoceréis”.
Parece que desta vai a definitiva. Un equipo de tres técnicos de Patrimonio poderán acceder nunha data secreta ao Pazo de Meirás, despois de 70 anos de uso exclusivo da familia do Paco do Ferrol. Con bastante probabilidade, a que fora casa de Emilia Pardo Bazán pasará a ser Ben de Interese Cultural, o que permitirá ao curioso entrar polo menos catro días ao mes.
Algún lector xa propuxo algunha idea para convertelo en museo. Outros sentirán como vitoria propia que a filla de Franco teña que pedirlle permiso á Xunta para pintar as paredes da súa residencia de vacacións.
Como xornalista, a unha gustaríalle ter acceso a certas fontes para coñecer exactamente como se pasa de un “terei moito gusto en facilitar o acceso ao mesmo a esa Dirección Xeral aos efectos de comprobar o seu estado de conservación, que procurei que fose o correcto”, escrito por Carmen Franco a Patrimonio en xaneiro de 2007, ao peche de portas nos fuciños de agosto e aos procesos xudiciais que, de momento, conclúen aquí. Pero diso, supoño, xa se encargará a Historia.
E por último, unha outra curiosidade (partimos da base de que Carmen Franco non le blogs en galego e que por tanto non estamos dando ideas): sabían que un dono dun BIC pode obter beneficios fiscais e axudas para o mantemento do ben?
As bolsas de todo o mundo andan a xogar a ‘Viaxe ao centro da Terra’.
É difícil avaliar porque ocorren as cousas nos mercados financieiros, templos movidos pola fe en que o diñeiro xera diñeiro nun bucle ininterrompido, e máis difícil é explicalo entre tanta xerga económica, tanto dato e tanto titular evocador do Crack do 29. Pero permítanme que faga un intento, así, de andar por casa.
As cousas non van de todo ben nos EEUU. Tiveron o lío aquel das hipotecas e o eEstado, fiel as súas ideas, puxo moreas de cartos en circulación e aplicou o ‘leissez faire’. Dende entón, sube o paro e baixan a produción industrial, o consumo interno e as exportacións.
Os brokers, de natural criaturas medoñéntas, desconfiaron. A de EEUU é a primeira economía do mundo e o maior importador de mercadorías, polo tanto ten negocios con case todos os países do mapa, especialmente cos que invaden. Unha crise norteamericana sería unha crise mundial.
Bush deixa pasar un pouco de tempo, mentres os bancos van anunciando perdas, e presenta a súa solución: baixar os impostos (nun país cunha presión fiscal ridícula) e subir a inflación (agora que o dólar cotízase a menos de 0,7 euros). Máis clásico que unha garavata de Adam Smith.
Os brokers, de natural criaturas medoñentas, entraron en pánico.
E agora, por culpa do plan probablemente erróneo dun goberno un pouco demasiado neoliberal, que nin sequera se chegou a aplicar, hai empresas perdendo moreas de cartos en todo o mundo.
E seguimos de eleccións. Se en visitas anteriores os desencontros entre o ministro e a conselleira de Cultura xa deron que falar, quizais mañá, na enésima visita do cabeza de lista do PSOE pola Coruña para as Eleccións Xerais, descubramos novas debilidades do noso presidente.
(Molina, nunha das súas conversas imaxinarias coa conse. Foto: Otto. AGN)
As previsións que chegaron á redacción suscitaron, cando menos, confusión. Por un lado, os do Ministerio din que será César Antonio Molina quen presida a xuntanza do Consello do Plan Xacobeo, e por outro, dende a Xunta afirman que a presidencia da reunión recaerá en Touriño. Quen levará os pantalóns?
Á espera de descubrir as galas previstas para mañá pola titular autonómica de Cultura, Blanco e Bugallo xa deixaron claras as súas posturas… Veremos se combinan co ton da gravata do ministro.
Así son as cousas do xornalismo. Ás veces parecen un contrasentido, pero quizáis só é cuestión de velas dende unha perspectiva diferente. Como non nacemos aprendidos, iremos debullando os nosos descubrimentos nesta esquina da rede.