Arquivo para a categoría Diario.
Xan
29
Touriño onte:

Poñendo a primeira pedra do corredor Brión-Noia e anunciando que “todas as rías galegas” (excepto as do Cantábrico) estarán “perfectamente comunicadas” por vías de alta capadidade co resto de Galicia no 2012.
Touriño hoxe:

Declarando que a Lei de Áreas Metropolitanas será aprobada despois das eleccións do 9-M “para evitar acusacións de electoralismo”.
Xan
23
Como ben verían os observadores, El Progreso, xornal irmán de Galiciae, experimenta hoxe unha forte posta ao día na súa versión papel. Na versión dixital esta posta ao día trasládase á gama cromática -abandonando o tradicional verde- e, sobre todo, a unha nova cabeceira.

Ángel Vaqueiro, responsable da edición dixital de El Progreso, explica as súas impresións desta formas as súas impresións sobre o cambio:
“Aínda recordo a cara que se nos quedou aquela mañá, a principios de setembro, en que Paco Trujillo e o seu equipo nos presentaron un avance do novo deseño de El Progreso. Cando vimos aquela cabeceira con letra de pau, como a chaman os tipógrafos, e non a gótica de sempre, contuvemos a respiración.
Fíxose un silencio atronador, ata que Paco dixo: ”Isto é unha actualización da vosa cabeceira histórica”. Moitos miraron para a parede, onde está colgada unha reprodución facsímile do número un, e respiraron.
A verdade é que o deseño que estrea este 23 de xaneiro El Progreso, no ano do primeiro centenario, racha xa dende o que parece o máis sacrosanto, a cabeceira. Recordo que Paco presentou un boceto do novo deseño coa cabeceira gótica, pero aquilo era como poñerlle a un santo dúas pistolas. O certo é que o deseño novo só vale con esta cabeceira.
Seguramente, este mércores imos descolocar a máis dun lugués. A unhas cen mil persoas, se ten razón o estudio general de medios… Bueno, serán máis, porque o que se achegue a un quiosco vai botar algo de menos. Sabido é que un non le a cabeceira do xornal que compra, senón que se guía polo conxunto das letras, a tipografía, o formato do xornal, os brancos e outras cousas.
Algún dirá que estamos tolos. Pero o certo é que a letra gótica non foi a primeira. No especial contan a historia: El Progreso empezou coa que reinterpreta agora; cambiouna por un estilo modernista 75 números despois (si, daquela os xornais eran moi impacientes), retocado preto do número 600, entre 1913 e 1920 usou a gótica, e no 1921 pasou a un modernismo esaxerado. O 1 de abril de 1921 adoptouse a letra gótica que ten acompañado a catro xeracións de lugueses.
Pero iso é pasado. Agora toca mirar cara adiante, e este cambio non vai ser só de cabeceira ou de deseño, senón que tamén vai afectar ao xeito de tratar as noticias, porque iso, contar o que pasa, é para o que serven os xornais.”
E como proba, aquí queda a viaxe polo tempo de El Progreso a través das súas diferentes cabeceiras:






E, finalmente,

Moita sorte aos compañeiros de Lugo nesta nova etapa.
Xan
8
Ollando hoxe as axencias de información non deixa de resultar rechamante que a busca de informacións sobre ETA dea máis resultados sobre as opinións duns e doutros sobre as lesións que presenta un dos detidos que sobre o achádego de dous zulos con diverso material explosivo da banda terrorista.
A operación da Garda Civil supón un importante golpe a ETA en España, pero é posible que na lembranza colectiva queden máis gravados os outros golpes que recibiu un dos presuntos terroristas durante a súa detención. Ás veces unha non pode evitar pensar que feitos coma este outorgan argumentos aos asasinos.
Dec
18
É curioso como cada ano a prensa galega asiste (asistimos) ás decisións da Academia do Cine Español como ao final da liga. Nese momento, deixan de existir os rivalismos entre Celta e Dépor (ou o seu equivalente) e simplemente nos vale con que algún dos agraciados bailase na súa vida unha muiñeira.
É a época para sentir unha especie de “orgullo nacional” por aquilo que durante o ano pasou sen pena nin gloria polas pantallas (as que quedan e nas que deixan).
A Academia valora do cine galego a animación e as curtametraxes, categorías que no día a día das televisións e das nosas opcións na taquilla se equiparan a “equipo de alevíns” e “segunda división B”. Como se demostrou cando, postos a alixeirar a gala, as curtas foran consideradas o máis prescindible.
Mentres, aquí se debate se tirar cara o modelo de El orfanato (máis comercial) ou cara o de Las 13 rosas (máis identitario). Veremos se nos Mestre Mateo atopamos esa mesma batalla.
___
PostMortem: Unha mala nova para Santiago e os amantes do cine. Pechan os Multicines Compostela. A capital galega queda así sen outro espazo de exhibición tralo peche este mesmo ano da Sala Yago, que ofrecía cine en versión orixinal. Só os Valle-Inclán e Cinesa-Área Central persisten en Santiago fronte ao peche paulatino de varias salas en Galicia.
Dec
15
Os “trasnos da electrónica” (que tamén adoptan nomes e formas variables como ‘Gremlins’, ‘Virus’ ou ‘Windows’) viñan seguramente de ter festa rachada cando a tomaron co noso servidor o pasado sábado.
Non houbo forma de botalos da redacción ata primeira hora da tarde, así que Galiciae.com non estivo accesible ou só era posible entrar despois de varios minutos de espera.
Desculpen polo tanto as molestias.

Dec
14
O Partido Popular abriu esta semana unha incógnita sobre o canon dixital. Vanse pronunciar a favor ou en contra da taxa? Os do PP, tan dados a votar en bloque no Congreso, teranse que poñer de acordo o luns sobre o ‘erro’ que cometeron os seus senadores.
E Mariano Rajoy, que hoxe se posicionou en contra do canon dixital, terá que convencer aos deputados do seu grupo se quere gañarse as simpatías (e quizais os votos) dos máis de 1.300.000 cidadáns que asinaron en contra do gravame. Moitos máis que os 66.000 asociados cos que conta aproximadamente a SGAE.
Pero non pensemos que Rajoy sacrificará os votos duns polos dos outros. Un home que practica con tanta facilidade o “consenso” na política pretende buscar un “pacto” entre todas as partes: consumidores, vendedores, produtores, artistas, intelectuais… para crear unha Axencia da Propiedade Intelectual, por agora indefinida como promesa electoral.
O que si está claro é que Mariano Rajoy sabe sumar.
Dec
4
Na transformación de Xeración Web a Galiciae, un dos puntos chaves que ocupou máis tempo de reflexión foi, como non podía ser menos, o idioma. Como moitos sabedes, Xeración editábase exclusivamente en galego, cuestión coa que por certo, estabamos moi satisfeitos da e que non renegamos nunca.
Por outro lado, Galiciae.com non é só unha cabeceira, senón tamén un dos ‘engranaxes’ da nova plataforma web Grupo El Progreso, medios dixitais que ata o de agora se editaban exclusivamente en español.
Era natural que cada medio fose reticente á hora de dar un xiro na súa “política lingüística”. Por outro había consenso en que tiñamos que actuar de xeito coordinado.
A solución foi salomónica. Toda a plataforma dispón de dúas versións, unha en galego e outra en castelán. Os redactores da Plataforma Galiciae (de momento Galiciae.com, El Progreso de Lugo e Diario de Pontevedra) teñen a opción de escribir o texto orixinal no idioma que prefiran ou que se axuste a política do seu medio. Despois debe traducilo, revisalo, corrixilo e publicalo.
Poderiamos dicir que os xornalistas traducimos “a man” os textos sen facer uso dos tradutores automáticos pero isto, ademais dunha mentira, sería completamente ilóxico. Hoxe en día hai ferramentas suficientemente potentes que facilitan ese labor. Iso si, a revisión previa á publicación é fundamental e a disciplina e neste proceso será básico para o funcionamento correcto do sistema. Non facelo é responsabilidade de cada redactor e por extensión, de cada medio.
Configuración da área persoal
Sabíamos de sobra que algunha xente se molestaría ó ver que Xeración/Galiciae pasa de ser un medio exclusivamente galego a outro bilingüe. Sentímolo, pero non compartimos esa opinión. Os contidos seguen a ser accesibles en galego e o único que facemos é engadir a posibilidade de consultalos tamén en español, abrindo o abano de opcións sen ter que renunciar a nada.
Por outra parte, os lectores de información en galego temos agora novas posibilidade ó poder consultar na nosa lingua os informacións de El Progreso e do Diario de Pontevedra, nunhas versións que de seguro irán mellorando co tempo.
Tamén atopamos certa confusión sobre o idioma predeterminado. Galiciae.com non ten unha versión por defecto, xa que a páxina se carga segundo a configuración do navegador. Ademais, os usuarios rexistrados poden configurar na súa área persoal o idioma no que queren cargar a páxina. En canto á opinión -artigos e blogs- só serán accesibles na súa versión orixinal.
Dec
3
Ese recadro que vedes na parte dereita da portada e nas seccións de Galiciae é ó que nos lle chamamos GeCubo. Pensámolo como o punto no que se xunta toda a actividade de do novo xornal. As novas que escribimos, as túas valoracións, as discusións quedan rexistradas nel ó momento, para que nunca te perdas o que está a pasar.

Hai dúas versións do GeCubo. A versión básica permite ver o fluxo de información actualizada constantemente, para que non teñas que refrescar o teu navegador se queres botarlle un ollo ás últimas novidades. O funcionamento vén sendo similar ó Fedello de Chuza ou a Fisgona de Menéame. Podes navegar polos contidos da sección que prefiras, ou de todas, e escoller se queres ver só as noticias, os comentarios ou os votos de cada noticia.
A versión avanzada funciona na portada de Galiciae se navegas coa versión 8 ou superior do plugin de Flash Player. Ademais das funcionalidades básicas, esta versión… xira! e permíteche ver os últimos videos subidos ó xornal e acceder ás noticias a través dun mapa, no que aparecen segundo a súa localización xeográfica. Só clica nos botóns superiores e verás.

Arríncalle o corazón a Galiciae
Unha das vantaxes do GeCubo é que poderás seguir informándote en tempo real aínda que deixes a páxina de Galiciae. Para iso, clica no botón ‘Externo’ que aparece na versión avanzada e terás a esencia de Galiciae nunha xeitosa fiestra que podes conservar mentres continúas a túa navegación pola rede.

O deseño do GeCubo, como o do resto de Galiciae non para quieto. Iremos engadindo novas funcións e corrixindo os erros que poida haber. Nas nosas cabezas xa temos novas ideas para a versión 2 do noso “centro de comunicación”, para facelo máis modular, máis cómodo de usar e tamén máis interactivo. Mentres tanto, agardamos que esta pequena aplicación vos resulte útil, e dende logo, estaremos encantados de que nos fagades suxerencias sobre novas funcións ou nos indiquedes algún fallo que poida ter.
Dec
2
Aquí está, en Beta -“moi Beta de Dios”-, pero está, que é o que conta. Despois dalgunhas noites de moi pouco durmir (e aínda quedan unhas cantas), Galiciae.com abre as súas portas. Sexan todos benvidos.
Nas próximas semanas iremos incorporando novas funcionalidades a esta versión “light” que estreamos hoxe, ao tempo que iremos arreglando as cousas que vaiamos rompendo. Algunhas novidades témolas xa na cabeza; e outras moitas agardan no “limbo” a que as rescatedes. Non sexades malos, se atopades algunha, axudádelle a encontrar o camiño…
Galiciae é unha nova cabeceira, herdeira da “semente” de Xeración Web. Pero ao mesmo tempo, pretende ser o núcleo dunha plataforma na que se vaian integrando os diferentes medios dixitais do grupo El Progreso. Cada xornal contará coa súa propia autonomía en canto a estilo e contidos, aínda que se se buscarán sinerxias e estratexias comúns.
De inicio, xunto a Galiciae intégranse as webs de El Progreso de Lugo e o Diario de Pontevedra, aínda que a migración de todos os contidos e arquivos será paulatina. Nas próximas semanas, iranse sumando a este proxecto os que xa están colgados na Rede e outros que están por vir.
Por suposto, todo aviso e axuda sobre os fallos que vaiades atopando será benvida, especialmente nestes primeiros días de certa complexidade. Sen vós, pouco podemos facer.
