Arquivo para a categoría Diario.
Xun
11
Pois nada, que agora todos poderemos dedicar ata 17 horas máis á semana a construír a Unión Europea. Aos que lles parecía escasa a xornada de oito horas+un día de descanso poden pedirlle ao seu xefe que lles amplíe a dedicación laboral ata as 60 ou 65 horas semanais, porque así o acordaron os ministros de Traballo da UE. Todo polo ben da maltreita economía e a flexibilidade do mercado laboral.
Con medidas coma esta que logo non se estrañen os gobernos europeos se as cifras do paro non melloran: as empresas poderán ter a un só traballador facendo case a xornada de dous. Con acordo previo e por escrito iso si, para “garantir” que o empregado acepta o 2×1 voluntariamente, e non por medo a que o despidan.
Este novo horario, ademais de pouca confianza, fai que me asalte a dúbida de se o incremento da xornada acabará sendo como as ‘happy hour’ dos bares de copas. Será o corpo ‘proletario’ capaz de aguantar as ‘ofertas’ do mercado laboral?
Que lonxe parece que quedaron xa as reivindicacións e protestas polas 35 horas semanais! Agora semellan algo antigo, desfasado, incompatible con esa nova Europa que se está forxando desde Bruxelas. Un proxecto común no que o euro marca o paso baixo unha“nova bandeira”:

E quizais tamén ao compás dun novo himno…
Mai
20
Hai un mes, o pesqueiro vasco ‘Playa de Bakio’ foi asaltado por piratas somalís en augas do Índico. Os políticos prometeron medidas e onte mesmo a ministra de Medio Ambiente, Rural e Mariño pedía á UE que no marco da ONU se estableza un sistema de seguridade colectiva para evitar a piratería nas augas do Indico.
Mentres España pide vixilancia, a ONU xa prometeu intervir no conflito que vive Somalia para tentar pacificar o país e poder poñer fin á piratería.
Pero un mes despois, en Somalia hai outros titulares:
A fame ameaza a 2,6 millóns de persoas, un 35% da poboación
Somalia e Iraq, os países máis violentos do mundo segundo o ‘Índice Global da Paz’

Cuestión de perspectiva
Mai
20
A partir de hoxe, a versión dixital de ‘LV. De Luns a Venres‘, o primeiro gratuito en galego, únese á ‘familia Galiciae’.
Ata o de agora, a versión web deste xornal xa enlazaba a noticias de Galiciae.com pero seguía a ser formalmente independente. Dende hoxe, adopta un deseño e unha estrutura similar á dos restos de medios da plataforma (Galiciae.com, El Progreso, Diario de Pontevedra e o económico Nova+) pero coa súa propia cabeceira.
Ademais da maioría dos contidos xa dispoñibles en Galiciae.com -na súa versión galega- o usuario poderá atopar novas firmas, a hemeroteca en PDF ou os puntos de distribución do xornal. Progresivamente, iránse abrindo novas fiestras e contido e ampliando a colaboración entre a redacción de Galiciae e a de LV.
‘LV. De Luns a Venres’ apareceu en novembro do 2006 como unha aposta por construir un novo medio galego e en galego. Actualmente distribúe 50.000 exemplares nas setes principais cidades galegas.
A dirección habitual de LV (www.l-v.es) segue dispoñible, pero o acceso tamén está aberto pola nova dirección lv.galiciae.com.
Mai
12
Cando unha organización terrorista fai público un comunicado, como xornalista a unha asáltanlle unha serie de dúbidas que nin as case esquecidas clases da Facultade, nin a práctica da profesión resolven por completo.
A máis urxente delas é en que ocasións se lle debe dar difusión a unha mensaxe dos terroristas. Sempre? Cando ameazan? Cando asumen a autoría de atentados?

O que a priori me dicta a cabeza é que para aqueles que decidiron ‘expresarse’ coa violencia as palabras pasan a un segundo plano. Por iso as súas ideas, as súas críticas, penso que non deberían ser reproducidas nos medios de comunicación, xa que esa difusión é unha propaganda de balde que non merecen.
Se Al Qaeda fai un chamamento aos seus seguidores para que cometan atentados, cantos menos deles o vexan mellor. Se ETA quere criticar ao Goberno central e autonómico (ou a quen sexa) e falar de liberdade ou independencia, debería facer por respetar a liberdade dos demais.
O único comunicado de ETA que publicaría sen dubidar e en portada sería o anuncio de que a banda deixa as armas e abandona o terrorismo para defender as súas ideas primeiro desde a palabra.
Mai
5
Empeza a conta atrás para a nova reunión da Mesa do Leite para falar de prezos e de contrato homologado. Dende Medio Rural todo se ve ‘rosa’, pero os gandeiros non as teñen todas consigo. Van alá moitas negociacións e ningún acordo. Eles deixárono claro. Queren vivir do leite. E queren facelo por enriba dos intereses políticos.
Pero esta é unha guerra na que combatemos todos. Hai uns meses os prezos estaban polas nubes, e dicíannos que había moita demanda dende Asia. Agora firmas coma Leite Río quéixanse de que non venden. En Asia xa non se bebe leite?
Pese a todo, semella que ó campo de batalla só saen os gandeiros. A última concentración, en Compostela, foi noticia en tódolos xornais. Arroiaba, pero a auga non foi excusa para as máis de 7.000 persoas que percorreron as rúas pedindo o que xa lles corresponde: prezos xustos.

Foi a última dunha longa serie de manifestacións que ocuparon a primeira plana nos medios. E o mesmo pasou coas anteriores xuntanzas entre Medio Rural e os sindicatos, que foron noticia pola falta de acordo.
Pero perderánse na memoria. Porque a actualidade, por moi negra que sexa, mastígase e trágase. Agora toca outra reunión. Outro episodio do eterno conflito. Poderemos informar, á fin, do ‘Acordo na Mesa do Leite‘? Déannos ese titular.
Abr
23
Galiciae estrea novo sistema de comentarios con valoración de comentarios. Unha opción que se botaba en falta.
Podedes botarlle un ollo ás novidades.
Abr
22
Despois dalgunhas semanas en probas, Nova+, o xornal económico do grupo El Progreso que se publica mensualmente dende novembro do 2006, pasa a integrarse na plataforma Galiciae.
Ademais dos contidos que ata o de agora se viña ofrecendo na sección de economía, refórzase con novas temáticas, o blog de actualidade económica “Dixéronme” e coa posibilidade de acceder ós PDF de Nova+.
Ademais de acceder a el da mesma forma que a anterior sección económica, pasa a estar activo o dominio NOVA-MAS.com. Así que benvida ós compañeiros.
Abr
17
Por fin os técnicos da Xunta viron o Pazo de Meirás máis aló do timbre. A familia Franco accedera, previa orde do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a permitir a visita da Administración nunha data acordada por ambas partes, que non se faría pública para “respectar a intimidade dos afectados”.
Os especialistas en Patrimonio chegarón á residencia de veraneo dos Franco e entraron sen facer ruido. Saíron puntualmente ás dúas da tarde, de novo sen facer ningunha declaración, pero desta vez rodeados de xornalistas.

A data non saltou aos medios ata que os técnicos da Xunta estaban dentro de Meirás, pero cando o fixo apareceu en portada de todos os medios dixitais galegos e a meirande parte dos estatais. E agora faltan as reaccións, columnas de analistas varios, e opinadores de todo tipo.
O concepto de darlle ”publicidade” a unha actuación é difuso. Pero claro, se os Franco non tivesen pechado a porta nas narices de Patrimonio meses atrás, igual o tema non tería ocupado nin unha contraportada.
Abr
17
Dende ás 21h de onte mércores, Galiciae, El Progreso e o Diario de Pontevedra están a sufrir ‘dolencias’ de diversa consideración. A máis grave, a folga de servidores caídos que durou boa parte da última noite.
Desta vez, os causantes non foron os ”trasnos” de hai algún tempo, senón que un raio visitou as proximidades da redacción (moi preto da sede da SGAE, por certo…).
Eses outros seres estraños que chamamos informáticos aseguran que o servizo xa está restaurado por completo. A eles nos encomendamos. E no caso de que non sexa así, que Santa Bárbara nos asista.
En todo caso, desculpen as molestias
Abr
15

(O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cava ante a atenta mirada de José Luis Méndez, director xeral de Caixa Galicia, durante a Operación Carballo. Foto: S. Daponte)