O mercado libre ven sendo como a moral cristiana, unha cousa que se invoca so cando convén e que se lle aplica só a quen convén. Ningún constructor acordouse de invocar a Adam Smith agora que o goberno anunciou que lles ía mercar un chan que non dan vendido para facer vivendas protexidas (coma se o que faltara son vivendas baleiras que coller e protexer…) E iso que non hai tanto puxeran o grito no ceo por aquilo de reservar o 40% do solo para pisos públicos.
Intervencionismo si, pero a vaquiña polo que vale. Hai crise, enterremos o libre mercado ata que volvan as vacas gordas, ou non, xa veremos. Porque competencia e autorregulación seguen a descansar sobre os ombreiros dos pequenos productores, como agricultores, gandeiros, pescadores ou bateeiros.
Eles son moitos e non adoitan ter moita influencia máis aló da sua leira, batea ou barco de pesca. Producen o que poden e afánanse en vendelos a unhas industrias de transformación e distribución que son poucas, e normalmente pertencen a redes multinacionais.
Moita competencia, pouca oferta. E as industias non teñen que facer moitas chamadas para poñerse de acordo e marcar unha rebaixa de prezos, unha práctica moi pouco liberal, pero sempre atoparán alguén que lla acepte. Porque sempre haberá alguén a quen lle compense vender barato se os demáis non venden nada.
De ahi que agricultores, gandeiros, pescadores e (hoxe mesmo) bateeiros leven todo ano organizando protestas nas que sobresae unha reivindicación común en distintas formas: regulación de prezos. Non, non é libre mercado, pero ao mellor non era tan mala idea…
O fútbol é un deporte no que pode pasar de todo, mesmo que unha selección como España, de xogo irregular (pese a quen pese), venza á campiona do Mundo nunha das súas especialidades: as quenda de penaltis.
A maioría dos medios de comunicación do Estado están moi contentos de ter dado esta noticia, así como a maioría do público dos medios de comunicación está moi contento de tela lido entre tanta desgracia que enche as portadas.Foi unha sorte que a Cesc Fábregas lle dese por meter o seu primeiro penalti dende que tiña 15 anos.
Mire vostede que pouca cousa fai falla para deixar feliz a tanta xente.Pero había poucos que apostaran por tal cousa cando comezou o torneo. “Outro ano máis sen pasar de cuartos”, dicíase nos bares. “Nin de coña pisan as semifinais”, dicían os directivos de Media Markt, “imos prometer que se o logran, devolvemos o 25% da pasta de todos os televisores que merquen durante a Eurocopa”.
E claro, hoxe son os principais damnificados do éxito español, porque lle van ter que soltar a pasta a 13.500 clientes. Imaxínenos mordendo as unllas ante as paradas de Casillas, vendo billetes voar pola fiestras… ou vales de compra, máis ben. Mire vostede que pouca cousa fai falla para facer felices a 13.500 persoas.
En conversas de dez-quince minutos, o máis normal é que escoites un par de tópicos e pode que algunha boa ocorrencia. Desculpen que non poña enlaces. Pero a de Carlos Estévez é das que, como xornalista, máis me conmoveu (non no sentido cursi da palabra). Fai pensar que a escusa das superestuturas, ou o que é o mesmo, do condicionamento do traballo do xornalista por parte da empresa, é un labirinto no que é fácil caer, pero no que tamén sentirse cómodo para que nada “externo” perturbe unha “vida normal”.
Por outra banda, outro espírito libre e crítico pon sobre a mesa que en realidade a culpa é da lei do mercado, que corrompe o exercicio da información. Tamén o profesor Luís Álvarez Pousa lembrou esta mañá na presentación dun manual de tratamento informativo da violencia de xénero que nun tempo no que a información se rixe polo seu “valor económico e consumista”, cómpre non esquecer “o valor solidario da noticia”.
Apañar unha reportaxe nunha tarde para ir tirando non vale. E ser altofalante a soldo, tampouco. Quizais sería necesario, entre todos, recompoñer este panorama cada vez máis caótico no que nos movemos.
Ano 2008
Un pesqueiro vasco é secuestrado por piratas en augas somalís.
Tras 8 días de negociación, os pescadores son liberados.
O goberno congratúlase do seu gran éxito diplomático.
As axencias e medios de comunicación revelan en que ese éxito diplomático custou 1′2 millóns de dólares, aínda que se descoñece se foi o armador ou o goberno quen se fixo cargo do rescate.
A Oposición clama ó ceo e pide que se asuman responsabilidades.
Ano 2004
Anúnciase que o presidente do goberno de certo país europeo será condecorado coa medalla de Ouro do Congreso da Primeira potencia económica e militar do mundo.
Esa condecoración recibírona antes personalidades como Nelson Mandela ou Teresa de Calcuta
O goberno congratúlase do seu gran éxito diplomático.
As axencias e medios de comunicación revelan que ese éxito diplomático custou 2′3 millóns de dólares, financiados polo Ministerio de Asuntos Exteriores e entregados a un lobby de avogados encargado de promover a imaxe do presidente e conseguir as firmas necesarias.
A Oposición clama ó ceo e pide que se asuman responsabilidades.
A Diplomacia, como a fama, custa.
PD: o presidente de certo país europeo nunca chegou a recoller a medalla.
Pasado xa o seu boom, as páxinas estilo ‘confidencial’, que permiten dicir calquera cousa sen esa pequena molestia de ter fontes que a confirmen, están nunha certa crise de credibilidade.
Eu persoalmente, non acabo de entender por que… Co doado que é facer un confidencial crible…
Este xornalista pasaba o outro día , á tarde, pola coñecida Rúa do Hórreo, de Santiago de Compostela, sede do poder lexislativo de Galicia, cando se cruzou coas ilustres costas do engominado presidente de certo partido político da oposición (que comeza por P e acaba por P), coas do seu secretario xeral e coas do seu voceiro parlamentario.
Era día de pleno, e de mañá o líder opositor viña de pelexar co presidente do goberno autonómico (que comeza por Tour e acaba por iño) así que este xornalista, fiel ao deber cotilla da súa profesión, puxo a orella a ver que escoitaba.
Falaban do menú do día do restaurante do lado, que estaba malo e tal. ¡Manda truco que un político de alto nivel teña que comer de menú! Para que logo digan que os deputados cobran moito…
Pero nesas, una señora que tiña toda a pinta de ir de camiño a mercar algo á Praza de Abastos, recoñeceu aos insignes representantes do seu voto e achegouse á eles, agarrando ao líder polo brazo:
- Oes, hai que ter máis sentidiño, home …
- Si, señora, e logo por que?
Lamentablemente, chegados a ese punto, este xornalista xa sobrepasara pola rúa ao grupiño e non puido escoitar máis da conversa, por aquelo de non resultar cantoso de máis. Pero enterouse do suficiente como para afirmar que minten os que din que a nova escola de políticos galegos de dereita non sabe como achegarse á xente.
Así son as cousas do xornalismo. Ás veces parecen un contrasentido, pero quizáis só é cuestión de velas dende unha perspectiva diferente. Como non nacemos aprendidos, iremos debullando os nosos descubrimentos nesta esquina da rede.