Arquivo para a categoría Cousas que non se explican.
Xull
10
Brindemos un aplauso á Audiencia Nacional nos días en que só vai recibir os paus, ata certo punto comprensibles, de gran parte da opinión pública. A decisión de non considerar delito o mantemento das rúas e prazas dedicadas a etarras antes do ano 2000 é un acerto, aínda que poida resultar noxenta para as vítimas do terrorismo, especialmente para aqueles que padecen nos seus concellos as consecuencias destas escandalosas homenaxes ao crime.
A decisión unánime do pleno da sala do penal debe ser analizada desde un punto de vista legal e non político; e desde a óptica do noso marco xurídico a irresponsabilidade, neste caso, sería pasar por enriba do principio de irretroactividade das leis, que é o que provocou este aparente paradoxo no que non se permite que se dediquen rúas aos etarras pero se deixan onde estaban as placas colocadas antes do citado ano. Por iso a Audiencia Nacional merece un aplauso, non por facer o seu traballo, senón porque ao cumprir co seu deber vai ser o obxectivo de moitas e inxustas críticas.
Desde o PP, González Pons deixou claro que non comprende a decisión nun claro intento de sacar tallada do asunto. Esperemos que o valenciano estivese dicindo unha desas mentiras políticas ao afirmar que non entende a medida sobre o rueiro etarra, xa que quero pensar que un home coa súa responsabilidade na oposición ten unhas nocións mínimas sobre a Constitución.
No caso das vítimas do terrorismo, a súa frustración e opinión conta con todo o respecto moral de todos os que pensan que os tiros na nuca non son “tácticas modernas” de facer política. Porén, non é aceptable que aseguren que cando un grupo de xuíces cumpren co seu traballo, como é o caso, o Estado estea amosando, como dixo a AVT, “síntomas de balcanización”.
Se agora desexamos borrar literalmente do mapa os terroristas, unhas das posibilidades sería agardar a que os concellos en mans do(s) brazo(s) políticos dos amigos das bombas lapa pasasen a estar rexidos por outras forzas. Pero esta vía, non nos enganemos, será manifestamente imposible de acadar durante décadas en moitas localidades.
O verdadeiro camiño polo que podemos optar é esixir ao PP e ao PSOE que desde Madrid non se laven as mans e esquezan este tema co recurrente argumento de que eles só poden acatar a decisión (faltaría máis), independentemente de que lles guste ou non. Cada vez que esgrimen esta afirmación están esquecéndose de que eles son os que lexislan.
Teñen as ferramentas para sacar adiante unha lei semellante á da Memoria Histórica que garantice que ningunha viúva ou orfo teña que pisar un lastro co nome do asasino do seu familiar. Poden crear unha normativa tallante sen que ninguén tolee por unha suposta pisada á Constitución. Que non conten contos, que máis complicado foi facer pasar polo aro a necesaria Lei de Violencia de Xénero, que di que polo mesmo delito un home é máis culpable que unha muller. Se é certo que queren, que os borren do mapa.
Mai
20
Hai un mes, o pesqueiro vasco ‘Playa de Bakio’ foi asaltado por piratas somalís en augas do Índico. Os políticos prometeron medidas e onte mesmo a ministra de Medio Ambiente, Rural e Mariño pedía á UE que no marco da ONU se estableza un sistema de seguridade colectiva para evitar a piratería nas augas do Indico.
Mentres España pide vixilancia, a ONU xa prometeu intervir no conflito que vive Somalia para tentar pacificar o país e poder poñer fin á piratería.
Pero un mes despois, en Somalia hai outros titulares:
A fame ameaza a 2,6 millóns de persoas, un 35% da poboación
Somalia e Iraq, os países máis violentos do mundo segundo o ‘Índice Global da Paz’

Cuestión de perspectiva
Abr
24
”Más de 10.000 peregrinos acuden en Roma a ver el cuerpo incorrupto del Padre Pío’‘
Se a incorrupto lle chaman ter unha máscara de látex na cara para que non se vexa o descomposto que está, mans de silicona, barba de pega e un equipo de bioquímicos e embalsamadores coidando de ti para que poidas ir de festa coa momia de Lennin sen que se che noten moito as enrugas, pois si, aceptamos ‘incorrupto’.
Así vai Italia…
Mar
27
As roldas de prensa estanse a converter nunha antesala dos xulgados. Antes de presentar oficialmente unha denuncia ou simplemente para poñer a parir ao contrario nada mellor que convocar aos medios a unha presentación en vivo e con “probas” (se son audiovisuais mellor).
.jpg&tipo=350)
Se as cousas se fan ben e os xornalistas non nos molestamos en preguntar demasiado, o resultado máis probable será que os medios recollan simplemente un relato da rolda de prensa aderezado de declaracións, quizais con algunha outra opinión dos aludidos sobre o tema.Só así se explica que o PPdeG (o exemplo máis recente pero non o único en empregar esta táctica) acuse á Consellería de Medio Ambiente e a Sogama -en rolda de prensa, por suposto- de acumular lixo
nun vertedoiro ”ilegal” próximo á planta de Cerceda, un lugar onde se levan depositando residuos case desde a posta en marcha do complexo no 2001.
Mar
25
Estes días, a lea que hai montada no Parlamento de Galicia está a contribuír a escurecer o noso xa de por si complicadiño sistema político, entre tanto insulto e tanta media verdade. Así que merece a pena facer un capítulo da serie Cousas que habería que contar nas noticias pero non se fai porque non queda sitio.
Di a Constitución (art. 69) que cada provincia reparte catro senadores, excepto as insulares, que reparten cinco para compensar, e Ceuta e Melilla, que teñen dous cada unha. Estes 208 senadores en total serán escollidos por sufraxio libre e democrático.
Por eles xa se votou no 9-M. En Galicia, o PP levou tres senadores en cada provincia e o cuarto en discordia foi sempre para o PSOE. Aí se reflicte o feito de que os populares son os máis votados, pese a estar agora na oposición.
Ademais, xa que o Senado é (presuntamente) unha cámara territorial, os parlamentos autonómicos poden escoller directamente alomenos un representante, e outro máis por cada millón de habitantes. Eses senadores por designación autonómica son, nesta lexislatura, 56 en toda España e quedan en mans da maioría parlamentaria.

Galicia, cos seus 2,7 millóns de habitantes, reparte tres senadores. A maioría parlamentaria, PSdeG e BNG, ven de outorgarlle un a cada un dos tres grupos con representación no Hórreo. Co cal, por Galicia, o PP ten 13 senadores, o PSOE 5 e o BNG 1.
Os moitos anos que o PPdeG tivo a maioría absoluta, adoitaban repartir dous senadores para eles e un para o segundo partido máis votado, que é o resultado de aplicar a Lei D’Hont aos votos das últimas eleccións autonómicas. Din que o facían así por consenso, pero en realidade nunca lles preguntaron o seu parecer aos outros grupos. Tiñan a maioría absoluta e podían aprobar o que lles dera a gana, así fora darse tres senadores a si mesmos.
Agora, o PSdeG e o BNG tamén aproban o que lles dá a gana. A súa opción aumenta o pluralismo no Senado, pero so é así porque ambos os dous partidos están obrigados a poñerse de acordo. Cousas do sistema.
Feb
6
No xornalismo, ás veces, actualidade non deixa ver o bosque.
Ás veces énchense páxinas de análises, compatarivas, teorías e especulacións e non se sinala o contexto fundamental, porque non é novidoso, porque se da por sabido ou porque non convén.
Penso nos datos do paro polos que todo o mundo se leva as mans a cabeza dende o luns. Con todo o que se ten falado e escrito sobre eles, non lembro ter lido unha puntualizacion fundamental.
Que en España hai dúas fontes para medir o desemprego.
Unha son as listas do INEM, que se actualizan mensualmente. Dinnos cantos cidadáns se achegaron ata unha oficina de emprego para anotarse como parados.
Outra é a Enquisa de Poboación Activa (EPA), que realiza cada tres meses. É un traballo do Instituto Nacional de Estatística que consiste en preguntarlle a unhas 65.000 familias como fan para gañar os cartos.
Aínda que o primeiro dato é máis obxectivo, o segundo considerase máis fiable. A EPA non conta como parados á xente que, pese a estar anotada no INEM, realiza traballos esporádicos como dar clases particulares, facer chapuzas de albanel, redactar textos por encargo ou vender marihuana.
É dicir, que na EPA se reflicte a economía sumerxida, de sempre tan importante para os ingresos dos españois, e no INEM se reflicte a xente que busca un contrato de traballo. Segundo a EPA, en Galicia hai 96.500 parados, segundo o INEM, hai uns 160.000.
Os índices de paro que tanto medo dan son os do Instituto Nacional de Emprego correspondentes a xaneiro, un mes no que tradicionalmente sube o desemprego porque despiden a toda a xente que colleu un traballo temporal para as campañas de Nadal dos comercios.
Dende logo, non son datos bos, pero tampouco son apocalípticos, como semella crer toda a prensa de Madrid. Polo menos habería que agardar á EPA de marzo para prognosticar a fin do mundo.
Pero claro, iso é a final de mes, e xa terán pasado as eleccións.