O irmán malo: Raúl Brey Ábalo, detido este mércores pola súa presunta relación co secuestro do empresario de Sanlúcar de Barrameda, Rafael Ávila. Primo -’lejano’, por suposto- a quen seguramente Mariano Rajoy preferirá non citar nos seus discursos.
Por fin os técnicos da Xunta viron o Pazo de Meirás máis aló do timbre. A familia Franco accedera, previa orde do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a permitir a visita da Administración nunha data acordada por ambas partes, que non se faría pública para “respectar a intimidade dos afectados”.
Os especialistas en Patrimonio chegarón á residencia de veraneo dos Franco e entraron sen facer ruido. Saíron puntualmente ás dúas da tarde, de novo sen facer ningunha declaración, pero desta vez rodeados de xornalistas.
A data non saltou aos medios ata que os técnicos da Xunta estaban dentro de Meirás, pero cando o fixo apareceu en portada de todos os medios dixitais galegos e a meirande parte dos estatais. E agora faltan as reaccións, columnas de analistas varios, e opinadores de todo tipo.
O concepto de darlle ”publicidade” a unha actuación é difuso. Pero claro, se os Franco non tivesen pechado a porta nas narices de Patrimonio meses atrás, igual o tema non tería ocupado nin unha contraportada.
Este 12 de marzo celébrase por primeira vez, o Día da Liberdade en Internet, organizado por Reporteiros sen Fronteiras e sen o apoio da UNESCO. As Nacións Unidas retiraron o seu repaldo a última hora para non relacionarse coas “manifestacións organizadas para ocasión”, aínda matizando que lles parece moi ben a iniciativa.
É dicir, que está moi ben iso de ter días mundiais, e que é algo encomiable organizarlle un día ás cousas ameazadas, pero se hai que poñer a cara para que China, Birmania, Arabia Saudita & CIA se che suban á chepa e che planten por menos de nada un conflicto diplomático, pois claro, a cousa cambia. É o que veu dicindo Reporteiros sen Fronteiras, que lle botou en cara á Unesco baixarse os pantalóns ante as presións dos países na lista de ‘Inimigos de Internet‘.
Pero con ou sen as Nacións Unidas, a rede global lembra hoxe a ciberdisidencia, organizando manifestacións virtuais en países onde as manifestacións reais serían duramente reprimidas ou directamente imposibles. Un deles é Myanmnar, antiga Birmania, que cinco meses despois da ‘Revolución azafrán‘ desapareceu por completo da axenda dos medios de comunicación.
En setembro de 2007 os monxes budistas saíron ás rúas respaldados por millóns de cidadáns contra a Xunta Militar Birmana. Coa imposición da censura no país e a expulsión dos xornalistas acreditados, internet foi o único medio polo que a disidencia birmana puido facer oír no exterior as súas protestas. Polo menos ata que o Goberno militar impuxo o silencio desconectando o país da rede mundial.
Birmania convertiuse entón no ‘país da intranet, sen internet’, nun pequeno buraco na rede global. O exército esmagou as manifestacións pacíficas ata que deixaron de resoar nos medios de comunicación. E aínda hoxe non está claro cantas persoas morreron manifestándose nas rúas de Myanmar.
A Comisión Europea presentou hoxe un plan que reforza a seguridade nas fronteiras. Inclúe a posibilidade a longo prazo de instalar un sistema de rexistro facial e ocular que recoñecerá aos viaxeiros habituais, executivos, e xente de ben que crucen as nosas fronteiras para que poidan entrar e sair sen demora. Por outra banda, os descoñecidos e potencialmente perigosos terán que buscar o modo de acreditar os seus motivos de viaxe.
A cousa vén en consonancia coa obsesión masiva pola seguridade que reina no primeiro mundo. A mellor solución parece ser ter fichado a todo o mundo, coa idea de que un megarrexistro de identidades valerá para saber quen é quen e impedir que os ‘malos’ cometan os seus delitos.
En verbas do comisario europeo de Xusticia e Seguridade, Franco Frattini, a intención é boa: “Queremos facilitar as viaxes das persoas honradas e á vez impedir a entrada de terroristas, mafiosos, delincuentes ou inmigrantes ilegais.”
Semella que para o comisario europeo todo é chan. Dá igual que planees un atentado no centro de Bruxelas para matar a milleiros de persoas. Ou que te adiques a meter e sacar de europa maletíns cheos de cartos do narcotráfico. Ou que non teñas que comer no teu país e decidas emigrar, arriscando o pelexo fóra da lei, na busca dunha vida digna. Tanto ten, todos son igual de delincuentes. Primeiro acostumámonos a ver a palabra inmigración seguida de ilegal, agora farémonos á idea de que vela seguida de delincuentes e maleantes.
O grupo de dereitos humanos Privacy International xa denunciou que os plans anunciados por Frattini crearían una “Fortaleza Europa”. O Consello Europeo sobre Refuxiados e Exiliados dixo tamén que canto máis duras sexan as restriccións, máis difícil será para moitas persoas perseguidas atopar a seguridade. Pero Europa seguirá sentíndose segura detrás das súas amuralladas fronteiras, porque crerá que só as atravesan persoas que parecen honradas. O que pasa é que unha cousa é selo e outra parecelo.
A tres días do ‘termómetro’ das primarias estadounidenses, o Supermartes, o debate electoral enche os medios de comunicación norteamericanos trala retirada de Edwards e Giuliani, os apoios que gaña este ou o outro candidato, ou a reconciliación de Obama e Clinton ante o impulso que colle o seu rival común.
Pero por un día, este sábado as primarias non serán o tema de apertura. É o único día do ano no que a predición meteorolóxica vai sempre ao principio do telexornal e non ao remate. É o Día da Marmota, no que Phil, o meteorólogo máis famoso do mundo, anuncia se chega a primavera ou pola contra o inverno se demora seis semanas máis.
Iso si, Phil non vai alterar a orde dos titulares dos xornais deste recanto do mundo, que viven tamén a súa campaña electoral. A Igrexa segue cargando contra o matrinomio homosexual e a ‘Educación para a cidadanía’, o terrorismo segue a ser moeda de cambio en campaña, os partidos continúan coa súa escalada de grandes promesas e os seus estériles debates. É o noso particular Día da Marmota.
Zapatero gañou as eleccións hai catro anos e a primeira promesa estrela que lle presentou aos medios foi crear un Ministerio da Vivenda. Catro anos despois, os alugueres están polas nubes, as manifestacións por unha vivenda digna seguen nas rúas, e as hipotecas continúan no ‘top-ten’ das listaxes de “maiores preocupacións de”.
Seguindo coa tendencia de crear ministerios como solución aos grandes problemas da cidadanía, Rajoy anuncia un Ministerio da Familia para cando gañe as eleccións. Cales serán as medidas ministeriais de fomento da familia?, crearase un rexistro único de familias protexidas?, se non tes familia, subvencionaracha o ministerio?
En calquera caso, como a medida teña o mesmo éxito que o Ministerio de vivenda, Rajoy vai acabar excomulgado polo menos.
Así son as cousas do xornalismo. Ás veces parecen un contrasentido, pero quizáis só é cuestión de velas dende unha perspectiva diferente. Como non nacemos aprendidos, iremos debullando os nosos descubrimentos nesta esquina da rede.