Benvido LV

Por Redacción
Mai 20

A partir de hoxe, a versión dixital de ‘LV. De Luns a Venres‘, o primeiro gratuito en galego, únese á ‘familia Galiciae’.

Ata o de agora, a versión web deste xornal xa enlazaba a noticias de Galiciae.com pero seguía a ser formalmente independente. Dende hoxe, adopta un deseño e unha estrutura similar á dos restos de medios da plataforma (Galiciae.com, El Progreso, Diario de Pontevedra e o económico Nova+) pero coa súa propia cabeceira.

Ademais da maioría dos contidos xa dispoñibles en Galiciae.com -na súa versión galega- o usuario poderá atopar novas firmas, a hemeroteca en PDF ou os puntos de distribución do xornal. Progresivamente, iránse abrindo novas fiestras e contido e ampliando a colaboración entre a redacción de Galiciae e a de LV.

snap_lv_blog.gif

‘LV. De Luns a Venres’ apareceu en novembro do 2006 como unha aposta por construir un novo medio galego e en galego. Actualmente distribúe 50.000 exemplares nas setes principais cidades galegas.

A dirección habitual de LV (www.l-v.es) segue dispoñible, pero o acceso tamén está aberto pola nova dirección lv.galiciae.com.

Arquivado en: Diario | Comentarios (0)

Novo sistema de comentarios

Por Redacción
Abr 23

Galiciae estrea novo sistema de comentarios con valoración de comentarios. Unha opción que se botaba en falta.
Podedes botarlle un ollo ás novidades.

Arquivado en: Diario | Comentarios (0)

Nova+ en Galiciae

Por Redacción
Abr 22

Despois dalgunhas semanas en probas, Nova+, o xornal económico do grupo El Progreso que se publica mensualmente dende novembro do 2006, pasa a integrarse na plataforma Galiciae.

Ademais dos contidos que ata o de agora se viña ofrecendo na sección de economía, refórzase con novas temáticas, o blog de actualidade económica “Dixéronme” e coa posibilidade de acceder ós PDF de Nova+.

Ademais de acceder a el da mesma forma que a anterior sección económica, pasa a estar activo o dominio NOVA-MAS.com. Así que benvida ós compañeiros.

logo_novamas.gif

Arquivado en: Diario | Comentarios (0)

Mal raio nos parta

Por Redacción
Abr 17

alta_tension.gif

Dende ás 21h de onte mércores, Galiciae, El Progreso e o Diario de Pontevedra están a sufrir ‘dolencias’ de diversa consideración. A máis grave, a folga de servidores caídos que durou boa parte da última noite.

Desta vez, os causantes non foron os ”trasnos” de hai algún tempo, senón que un raio visitou as proximidades da redacción (moi preto da sede da SGAE, por certo…).

Eses outros seres estraños que chamamos informáticos aseguran que o servizo xa está restaurado por completo. A eles nos encomendamos. E no caso de que non sexa así, que Santa Bárbara nos asista.

En todo caso, desculpen as molestias

Sostiene Mariano

Por Redacción
Mar 12

Non houbo noite de coitelos longos en Génova, 13 e o morto velado durante tanto tempo parece ter vida malia o amago de colapso do domingo.¡Rajoy morreu! ¿Viva Rajoy?

De momento, ó berro de ¡filas prietas! obriga á lideresa a gardar o machete na funda. Cunha rolda de prensa lacónica, onde toda a firmeza da voz se lle escapaba polas olleiras, Mariano quixo poñer os idus de marzo do seu lado e aplacar as voces que pedían que entregase -galantemente- a cabeza.

Veremos se lle queda forza para aguantar a tanto Bruto e se o congreso do PP se limita a acatar con resignación unha liña continuista. De momento, para a historia quedará que o PP de Rajoy conseguiu o que parecía imposible hai apenas un lustro: que a Dereita ocupase a rúa un domingo si e outro tamén detrás dunha pancarta e que a Esquerda se mobilizase nas urnas. Vivir para ver. O propio Rajoy recoñecía hoxe que moita xente fora votar ó PSOE ”para que non gobernase o PP”. Pena que a frase fose pronunciada sen atisbo de autocrítica…

Por certo, ollo ao lapsus do segundo 50 no seguinte vídeo: “En cuanto a si me presento para preparar el terreno. Sí, a preparar yo el terreno para ganar yo las elecciones del próximo año” ¿Do próximo ano? ¿E logo terá que temer Feijoo pola súa candidatura nas Autonómicas do 2009?


E falando de Feijoo. Unha vez descartado o seu salto á política nacional, é razoable que queira facer mostra do seu galeguismo. Pregunta: ¿Cantas veces é capaz o líder do PPdeG de pronunciar a palabra Galicia nun minuto? Compróbao ti mesmo.


.

Arquivado en: Diario | Comentarios (0)

A band apart

Por Redacción
Feb 11

A Xunta, Caixanova, Caixa Galicia, o Banco Pastor e Manuel Jove únense para impulsar a sociedade financeira Crecentia Galicia.

band_apart_jalisia.jpg

Quen será o noso Señor Marrón?

band_apart_tarantino.jpg

Arquivado en: Diario | Comentarios (0)

Desculpen as molestias (I)

Por Redacción
Dec 15

Os “trasnos da electrónica” (que tamén adoptan nomes e formas variables como ‘Gremlins’, ‘Virus’ ou ‘Windows’) viñan seguramente de ter festa rachada cando a tomaron co noso servidor o pasado sábado.

Non houbo forma de botalos da redacción ata primeira hora da tarde, así que Galiciae.com non estivo accesible ou só era posible entrar despois de varios minutos de espera.

Desculpen polo tanto as molestias.

gremlins.jpg

Dúas palabras sobre o idioma en Galiciae

Por Redacción
Dec 4

Na transformación de Xeración Web a Galiciae, un dos puntos chaves que ocupou máis tempo de reflexión foi, como non podía ser menos, o idioma. Como moitos sabedes, Xeración editábase exclusivamente en galego, cuestión coa que por certo, estabamos moi satisfeitos da e que non renegamos nunca.

Por outro lado, Galiciae.com non é só unha cabeceira, senón tamén un dos ‘engranaxes’ da nova plataforma web Grupo El Progreso, medios dixitais que ata o de agora se editaban exclusivamente en español.

Era natural que cada medio fose reticente á hora de dar un xiro na súa “política lingüística”. Por outro había consenso en que tiñamos que actuar de xeito coordinado.

A solución foi salomónica. Toda a plataforma dispón de dúas versións, unha en galego e outra en castelán. Os redactores da Plataforma Galiciae (de momento Galiciae.com, El Progreso de Lugo e Diario de Pontevedra) teñen a opción de escribir o texto orixinal no idioma que prefiran ou que se axuste a política do seu medio. Despois debe traducilo, revisalo, corrixilo e publicalo.

Poderiamos dicir que os xornalistas traducimos “a man” os textos sen facer uso dos tradutores automáticos pero isto, ademais dunha mentira, sería completamente ilóxico. Hoxe en día hai ferramentas suficientemente potentes que facilitan ese labor. Iso si, a revisión previa á publicación é fundamental e a disciplina e neste proceso será básico para o funcionamento correcto do sistema. Non facelo é responsabilidade de cada redactor e por extensión, de cada medio.

Configuración da área persoal
Sabíamos de sobra que algunha xente se molestaría ó ver que Xeración/Galiciae pasa de ser un medio exclusivamente galego a outro bilingüe. Sentímolo, pero non compartimos esa opinión. Os contidos seguen a ser accesibles en galego e o único que facemos é engadir a posibilidade de consultalos tamén en español, abrindo o abano de opcións sen ter que renunciar a nada.

Por outra parte, os lectores de información en galego temos agora novas posibilidade ó poder consultar na nosa lingua os informacións de El Progreso e do Diario de Pontevedra, nunhas versións que de seguro irán mellorando co tempo.

Tamén atopamos certa confusión sobre o idioma predeterminado. Galiciae.com non ten unha versión por defecto, xa que a páxina se carga segundo a configuración do navegador. Ademais, os usuarios rexistrados poden configurar na súa área persoal o idioma no que queren cargar a páxina. En canto á opinión -artigos e blogs- só serán accesibles na súa versión orixinal.

Arquivado en: Diario | Comentarios (12)

Ola Mundo!

Por Redacción
Dec 2

Aquí está, en Beta -“moi Beta de Dios”-, pero está, que é o que conta. Despois dalgunhas noites de moi pouco durmir (e aínda quedan unhas cantas), Galiciae.com abre as súas portas. Sexan todos benvidos.

Nas próximas semanas iremos incorporando novas funcionalidades a esta versión “light” que estreamos hoxe, ao tempo que iremos arreglando as cousas que vaiamos rompendo. Algunhas novidades témolas xa na cabeza; e outras moitas agardan no “limbo” a que as rescatedes. Non sexades malos, se atopades algunha, axudádelle a encontrar o camiño…

Galiciae é unha nova cabeceira, herdeira da “semente” de Xeración Web. Pero ao mesmo tempo, pretende ser o núcleo dunha plataforma na que se vaian integrando os diferentes medios dixitais do grupo El Progreso. Cada xornal contará coa súa propia autonomía en canto a estilo e contidos, aínda que se se buscarán sinerxias e estratexias comúns.

De inicio, xunto a Galiciae intégranse as webs de El Progreso de Lugo e o Diario de Pontevedra, aínda que a migración de todos os contidos e arquivos será paulatina. Nas próximas semanas, iranse sumando a este proxecto os que xa están colgados na Rede e outros que están por vir.

Por suposto, todo aviso e axuda sobre os fallos que vaiades atopando será benvida, especialmente nestes primeiros días de certa complexidade. Sen vós, pouco podemos facer.

Galiciae.com

Arquivado en: Diario | Comentarios (2)
Rotativa cúbica

Rotativa cúbica

Así son as cousas do xornalismo. Ás veces parecen un contrasentido, pero quizáis só é cuestión de velas dende unha perspectiva diferente. Como non nacemos aprendidos, iremos debullando os nosos descubrimentos nesta esquina da rede.

Comentarios recentes