Galicia limita co espazo exterior
Por Marcos Ferro
Xun 6Primeiro axioma do nacente imperio Galego Galáctico. Repitan comigo: “Galicia limita co espazo exterior”.
Cando os nosos insignes e visionarios políticos e empresarios propuxeron botar un satélite a pacer no espazo tomámosllo a coña. Pero falaban en serio. Dentro duns meses veremos saír cara o espazo a primeira pedra -mellor dito o primeiro ladrillo- da futura Federación de Comercio Pangalaica. Polo menos.
O de ladrillo ten o seu sentido despois de ver o tamaño da criatura: dez por dez por dez centímetros. Tampouco é que o tamaño sexa determinante se o tomamos polo que é: un proxecto educativo da Universidade de Vigo, e se sae ben, cousa que non dubidamos, mesmo poderá servir para algún uso científico do que aínda non nos informaron.
Dito doutra maneira, sen quitarlle unha chisca de mérito á Universidade, este non é para nada un proxecto ‘dos de facer país’, por falar no idioma dos políticos, aínda que non dubiden que cando este cativo esté en órbita ímonos cansar de escoitar o retrouso “Galicia nación punteira, Galicia non hai com’ela”. Para ir cultivando o escepticismo, saben que é exactamente o que imos mandar ó espazo? Pois algo como isto.

Un aparello que ata o venden con todalas pezas nun cómodo kit de montaxe, e que xa puxeron en órbita antes ca nos medio cento de universidades e institucións de todo o longo do mundo.
Este mecano ‘made in USA’ pódese conseguir dende uns 6.000 dólares. Case pasa por un deses proxectos de carpintería que soen levar a cabo algúns granxeiros de Oregón con moito tempo libre. Obviamente, no prezo só van incluídos os mecanismos básicos para que o ‘picosatélite’ chegue ao espazo. Cousas tan básicas como as placas solares -a ver quen é o listo de ir cambiarlle as pilas, se non- véndense a parte. E o mesmo para os equipos de transmisión.
En realidade, a montaxe do satélite non é nada espectacular nin excesivamente cara. As pezas e a circuitería básica son tan estándares que ata teñen portos USB-vese na foto, fíxense-, e utilizan tarxetas SD para a almacenaxe de datos. O que conta, e encarece o proxecto é o que cada desarrollador coloca dentro desta sorte de mac mini sideral. Isto é realmente o que pode diferenciar o proxecto da UVigo do duns amantes do ‘bricomanía’.
Por certo que nesta iniciativa da Universidade de Vigo colabora Retegal, a empresa de capital público que se ocupa dos servizos de telecomunicación. Sen deixar de ser lóxico, a un chámalle a atención que poñan tanto empeño en proxectos que terán un impacto escaso ou a longo prazo no fin da fenda dixital, mentres queda, por aquí embaixo, tanta banda ancha por sementar aínda…



