Se isto vén sendo a construción europea…

Por Claudia Neira
Xun 11

Pois nada, que agora todos poderemos dedicar ata 17 horas máis á semana a construír a Unión Europea. Aos que lles parecía escasa a xornada de oito horas+un día de descanso poden pedirlle ao seu xefe que lles amplíe a dedicación laboral ata as 60 ou 65 horas semanais, porque así o acordaron os ministros de Traballo da UE. Todo polo ben da maltreita economía e a flexibilidade do mercado laboral.

Con medidas coma esta que logo non se estrañen os gobernos europeos se as cifras do paro non melloran: as empresas poderán ter a un só traballador facendo case a xornada de dous. Con acordo previo e por escrito iso si, para “garantir” que o empregado acepta o 2×1 voluntariamente, e non por medo a que o despidan.

Este novo horario, ademais de pouca confianza, fai que me asalte a dúbida de se o incremento da xornada acabará sendo como as ‘happy hour’ dos bares de copas. Será o corpo ‘proletario’ capaz de aguantar as ‘ofertas’ do mercado laboral?

Que lonxe parece que quedaron xa as reivindicacións e protestas polas 35 horas semanais! Agora semellan algo antigo, desfasado, incompatible con esa nova Europa que se está forxando desde Bruxelas. Un proxecto común no que o euro marca o paso baixo unha“nova bandeira”:

nova_bandeira_europea.gif

E quizais tamén ao compás dun novo himno

Arquivado en: Diario | Comentarios (2)

Comunicados e terrorismo

Por Claudia Neira
Mai 12

Cando unha organización terrorista fai público un comunicado, como xornalista a unha asáltanlle unha serie de dúbidas que nin as case esquecidas clases da Facultade, nin a práctica da profesión resolven por completo.

A máis urxente delas é en que ocasións se lle debe dar difusión a unha mensaxe dos terroristas. Sempre? Cando ameazan? Cando asumen a autoría de atentados?

eta_comunicado

O que a priori me dicta a cabeza é que para aqueles que decidiron ‘expresarse’ coa violencia as palabras pasan a un segundo plano. Por iso as súas ideas, as súas críticas, penso que non deberían ser reproducidas nos medios de comunicación, xa que esa difusión é unha propaganda de balde que non merecen.

Se Al Qaeda fai un chamamento aos seus seguidores para que cometan atentados, cantos menos deles o vexan mellor. Se ETA quere criticar ao Goberno central e autonómico (ou a quen sexa) e falar de liberdade ou independencia, debería facer por respetar a liberdade dos demais.

O único comunicado de ETA que publicaría sen dubidar e en portada sería o anuncio de que a banda deixa as armas e abandona o terrorismo para defender as súas ideas primeiro desde a palabra.

Arquivado en: Diario, Dúbidas | Comentarios (0)

Denuncias en roldas de prensa

Por Claudia Neira
Mar 27

As roldas de prensa estanse a converter nunha antesala dos xulgados. Antes de presentar oficialmente unha denuncia ou simplemente para poñer a parir ao contrario nada mellor que convocar aos medios a unha presentación en vivo e con “probas” (se son audiovisuais mellor).


Se as cousas se fan ben e os xornalistas non nos molestamos en preguntar demasiado, o resultado máis probable será que os medios recollan simplemente un relato da rolda de prensa aderezado de declaracións, quizais con algunha outra opinión dos aludidos sobre o tema.Só así se explica que o PPdeG (o exemplo máis recente pero non o único en empregar esta táctica) acuse á Consellería de Medio Ambiente e a Sogama -en rolda de prensa, por suposto- de acumular lixo nun vertedoiro ”ilegal” próximo á planta de Cerceda, un lugar onde se levan depositando residuos case desde a posta en marcha do complexo no 2001.

A nena de Rajoy

Por Claudia Neira
Feb 28

Como o debate entre os tres líderes galegos veu sendo unha reprodución algo fóra de lugar do primeiro cara a cara entre Rajoy e Zapatero (con cronómetro, voltas aos datos para verter acusacións mutuas e poucas propostas) iso si, en clave autonómica, voulle dedicar o meu tempo á ‘nena’ que mencionou Rajoy no peche da súa intervención o pasado luns, e que sen dúbida pasará a ser a anécdota pola que se recorde o primeiro debate en eleccións xerais desde ano 1993.

Para mostra, os SMS que comezan a circular asinados pola futura meniña, pero sobre todo os vídeos que xa se poden ver no Youtube, uns simplemente poñendo música de fondo e voz afrautada ás declaracións de Rajoy, outros presentando en animación o futuro ‘posible’ ao que se refería o candidato popular.


Arquivado en: Diario, Terror! | Comentarios (0)

Sobre o visado por puntos…

Por Claudia Neira
Feb 9

O Partido Popular propón un ‘visado por puntos’ para os estranxeiros que queiran vir traballar a España. Como nas oposicións, os inmigrantes irán subindo na lista de preferencia para entrar no país mediante unha suma de méritos profesionais, ou por ter a sorte de vir dalgunha das nacións que o PP considera que manteñen “vínculos históricos” con España.

Como os populares non adiantaron o baremo que seguirán cualificar aos futuros inmigrantes -se gañan as eleccións- ídesme permitir apuntar alguns posibles criterios que poderían aplicar tendo en conta as declaracións realizadas por membros do PP estes días:

- Coñecemento do idioma español (seguro que dá puntos e ademais lles facilitará cumprir as condicións para asinar o ‘contrato de integración’ que tamén propoñen os populares).
- Puntuable para traballar na agricultura: experiencia na colleita manual de froitas e verduras (segundo tempada).
- Puntuable para a hostalería: acreditada capacidade memorística (posibilidade de establecer un test en base ao listado dos Reis Godos).
- Puntuable para o servizo doméstico: Familiaridade coas tarefas de limpeza e mantemento do fogar.

Porque claro, os traballadores altamente cualificados xa adiantou o coordinador do programa electoral do PSOE que recibirán “visados especiais”.

Arquivado en: Diario | Comentarios (1)

Touriño non quere ser electoralista…

Por Claudia Neira
Xan 29

Touriño onte:

Touriño colocando a primeira pedra do corredor Brión-Noia

Poñendo a primeira pedra do corredor Brión-Noia e anunciando que “todas as rías galegas” (excepto as do Cantábrico) estarán “perfectamente comunicadas” por vías de alta capadidade co resto de Galicia no 2012.

Touriño hoxe:

Touriño no acto de celebración do 30 aniversario da Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia

Declarando que a Lei de Áreas Metropolitanas será aprobada despois das eleccións do 9-M “para evitar acusacións de electoralismo”.

Arquivado en: Diario | Comentarios (0)

‘Golpes’ a ETA

Por Claudia Neira
Xan 8

Ollando hoxe as axencias de información non deixa de resultar rechamante que a busca de informacións sobre ETA dea máis resultados sobre as opinións duns e doutros sobre as lesións que presenta un dos detidos que sobre o achádego de dous zulos con diverso material explosivo da banda terrorista.

A operación da Garda Civil supón un importante golpe a ETA en España, pero é posible que na lembranza colectiva queden máis gravados os outros golpes que recibiu un dos presuntos terroristas durante a súa detención. Ás veces unha non pode evitar pensar que feitos coma este outorgan argumentos aos asasinos.

Arquivado en: Diario | Comentarios (1)

Os votos do canon dixital

Por Claudia Neira
Dec 14

O Partido Popular abriu esta semana unha incógnita sobre o canon dixital. Vanse pronunciar a favor ou en contra da taxa? Os do PP, tan dados a votar en bloque no Congreso, teranse que poñer de acordo o luns sobre o ‘erro’ que cometeron os seus senadores.

E Mariano Rajoy, que hoxe se posicionou en contra do canon dixital, terá que convencer aos deputados do seu grupo se quere gañarse as simpatías (e quizais os votos) dos máis de 1.300.000 cidadáns que asinaron en contra do gravame. Moitos máis que os 66.000 asociados cos que conta aproximadamente a SGAE.

Pero non pensemos que Rajoy sacrificará os votos duns polos dos outros. Un home que practica con tanta facilidade o “consenso” na política pretende buscar un “pacto” entre todas as partes: consumidores, vendedores, produtores, artistas, intelectuais… para crear unha Axencia da Propiedade Intelectual, por agora indefinida como promesa electoral.

O que si está claro é que Mariano Rajoy sabe sumar.

Arquivado en: Diario | Comentarios (0)
Rotativa cúbica

Rotativa cúbica

Así son as cousas do xornalismo. Ás veces parecen un contrasentido, pero quizáis só é cuestión de velas dende unha perspectiva diferente. Como non nacemos aprendidos, iremos debullando os nosos descubrimentos nesta esquina da rede.

Comentarios recentes