Mai
23
En conversas de dez-quince minutos, o máis normal é que escoites un par de tópicos e pode que algunha boa ocorrencia. Desculpen que non poña enlaces. Pero a de Carlos Estévez é das que, como xornalista, máis me conmoveu (non no sentido cursi da palabra). Fai pensar que a escusa das superestuturas, ou o que é o mesmo, do condicionamento do traballo do xornalista por parte da empresa, é un labirinto no que é fácil caer, pero no que tamén sentirse cómodo para que nada “externo” perturbe unha “vida normal”.
Por outra banda, outro espírito libre e crítico pon sobre a mesa que en realidade a culpa é da lei do mercado, que corrompe o exercicio da información. Tamén o profesor Luís Álvarez Pousa lembrou esta mañá na presentación dun manual de tratamento informativo da violencia de xénero que nun tempo no que a información se rixe polo seu “valor económico e consumista”, cómpre non esquecer “o valor solidario da noticia”.
Apañar unha reportaxe nunha tarde para ir tirando non vale. E ser altofalante a soldo, tampouco. Quizais sería necesario, entre todos, recompoñer este panorama cada vez máis caótico no que nos movemos.
Abr
15

(O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cava ante a atenta mirada de José Luis Méndez, director xeral de Caixa Galicia, durante a Operación Carballo. Foto: S. Daponte)
Mar
18
Parece que desta vai a definitiva. Un equipo de tres técnicos de Patrimonio poderán acceder nunha data secreta ao Pazo de Meirás, despois de 70 anos de uso exclusivo da familia do Paco do Ferrol. Con bastante probabilidade, a que fora casa de Emilia Pardo Bazán pasará a ser Ben de Interese Cultural, o que permitirá ao curioso entrar polo menos catro días ao mes.
Algún lector xa propuxo algunha idea para convertelo en museo. Outros sentirán como vitoria propia que a filla de Franco teña que pedirlle permiso á Xunta para pintar as paredes da súa residencia de vacacións.
Como xornalista, a unha gustaríalle ter acceso a certas fontes para coñecer exactamente como se pasa de un “terei moito gusto en facilitar o acceso ao mesmo a esa Dirección Xeral aos efectos de comprobar o seu estado de conservación, que procurei que fose o correcto”, escrito por Carmen Franco a Patrimonio en xaneiro de 2007, ao peche de portas nos fuciños de agosto e aos procesos xudiciais que, de momento, conclúen aquí. Pero diso, supoño, xa se encargará a Historia.
E por último, unha outra curiosidade (partimos da base de que Carmen Franco non le blogs en galego e que por tanto non estamos dando ideas): sabían que un dono dun BIC pode obter beneficios fiscais e axudas para o mantemento do ben?

Feb
14
Asociación de ideas…

(Inauguración da Biblioteca Pública de Santiago, aínda sen libro, en época electoral. E de paso, fastidiando as estatísticas. Foto: Otto. AGN)
Feb
2
Os que non teñen que traballar de cando en vez se paran a pensar a que se dedicarían se tivesen que levar as fabas a casa e non llelas trouxesen en bandexa dourada. Así, o Borbón junior sempre sentiu atracción polo mundo do xornalismo, aínda que ao final estudou unha carreira de proveito e todo quedou como unha vocación “consorte”.
Chegado aos 25, agora o Príncipe William afronta as incertezas propias desta idade: o futuro laboral. No seu entorno xa lle van buscando enchufes, por se aquilo da guillotina se volve poñer de moda ou por non cantar demasiado. Barallan un posto no Ministerio de Asuntos Exteriores ou nalgún departamento do Goberno para ver como traballan os funcionarios. Pero o máis probable é que o primoxénito de Lady Di sexa plumilla por un ano. ¿Haberá Feugas tamén na pérfida Albión?
Xan
14
E seguimos de eleccións. Se en visitas anteriores os desencontros entre o ministro e a conselleira de Cultura xa deron que falar, quizais mañá, na enésima visita do cabeza de lista do PSOE pola Coruña para as Eleccións Xerais, descubramos novas debilidades do noso presidente.

(Molina, nunha das súas conversas imaxinarias coa conse. Foto: Otto. AGN)
As previsións que chegaron á redacción suscitaron, cando menos, confusión. Por un lado, os do Ministerio din que será César Antonio Molina quen presida a xuntanza do Consello do Plan Xacobeo, e por outro, dende a Xunta afirman que a presidencia da reunión recaerá en Touriño. Quen levará os pantalóns?
Á espera de descubrir as galas previstas para mañá pola titular autonómica de Cultura, Blanco e Bugallo xa deixaron claras as súas posturas… Veremos se combinan co ton da gravata do ministro.
Dec
18
É curioso como cada ano a prensa galega asiste (asistimos) ás decisións da Academia do Cine Español como ao final da liga. Nese momento, deixan de existir os rivalismos entre Celta e Dépor (ou o seu equivalente) e simplemente nos vale con que algún dos agraciados bailase na súa vida unha muiñeira.
É a época para sentir unha especie de “orgullo nacional” por aquilo que durante o ano pasou sen pena nin gloria polas pantallas (as que quedan e nas que deixan).
A Academia valora do cine galego a animación e as curtametraxes, categorías que no día a día das televisións e das nosas opcións na taquilla se equiparan a “equipo de alevíns” e “segunda división B”. Como se demostrou cando, postos a alixeirar a gala, as curtas foran consideradas o máis prescindible.
Mentres, aquí se debate se tirar cara o modelo de El orfanato (máis comercial) ou cara o de Las 13 rosas (máis identitario). Veremos se nos Mestre Mateo atopamos esa mesma batalla.
___
PostMortem: Unha mala nova para Santiago e os amantes do cine. Pechan os Multicines Compostela. A capital galega queda así sen outro espazo de exhibición tralo peche este mesmo ano da Sala Yago, que ofrecía cine en versión orixinal. Só os Valle-Inclán e Cinesa-Área Central persisten en Santiago fronte ao peche paulatino de varias salas en Galicia.