Arquivo de Xun, 2008.

Os grandes damnificados do triunfo de España

Por ArturoLosada
Xun 23

O fútbol é un deporte no que pode pasar de todo, mesmo que unha selección como España, de xogo irregular (pese a quen pese), venza á campiona do Mundo nunha das súas especialidades: as quenda de penaltis.


A maioría dos medios de comunicación do Estado están moi contentos de ter dado esta noticia, así como a maioría do público dos medios de comunicación está moi contento de tela lido entre tanta desgracia que enche as portadas.Foi unha sorte que a Cesc Fábregas lle dese por meter o seu primeiro penalti dende que tiña 15 anos.

Mire vostede que pouca cousa fai falla para deixar feliz a tanta xente.Pero había poucos que apostaran por tal cousa cando comezou o torneo. “Outro ano máis sen pasar de cuartos”, dicíase nos bares. “Nin de coña pisan as semifinais”, dicían os directivos de Media Markt, “imos prometer que se o logran, devolvemos o 25% da pasta de todos os televisores que merquen durante a Eurocopa”.

E claro, hoxe son os principais damnificados do éxito español, porque lle van ter que soltar a pasta a 13.500 clientes. Imaxínenos  mordendo as unllas ante as paradas de Casillas, vendo billetes voar pola fiestras… ou vales de compra, máis ben. Mire vostede que pouca cousa fai falla para facer felices a 13.500 persoas.

Arquivado en: Desbarrando | Comentarios (1)

Que teñen os primos de Mariano?

Por Silvia Canabal
Xun 18

O irmán bo: José Javier Brey Ábalo, catedrático de Física Teórica na Universidade de Sevilla. Primo de Mariano Rajoy, a quen o presidente do Partido Popular citou como fonte autorizada no seu firme cuestionamento da importancia do cambio climático.

O irmán malo: Raúl Brey Ábalo, detido este mércores pola súa presunta relación co secuestro do empresario de Sanlúcar de Barrameda, Rafael Ávila. Primo -’lejano’, por suposto- a quen seguramente Mariano Rajoy preferirá non citar nos seus discursos.

primos2.jpg

Cousas da xenética

Se isto vén sendo a construción europea…

Por Claudia Neira
Xun 11

Pois nada, que agora todos poderemos dedicar ata 17 horas máis á semana a construír a Unión Europea. Aos que lles parecía escasa a xornada de oito horas+un día de descanso poden pedirlle ao seu xefe que lles amplíe a dedicación laboral ata as 60 ou 65 horas semanais, porque así o acordaron os ministros de Traballo da UE. Todo polo ben da maltreita economía e a flexibilidade do mercado laboral.

Con medidas coma esta que logo non se estrañen os gobernos europeos se as cifras do paro non melloran: as empresas poderán ter a un só traballador facendo case a xornada de dous. Con acordo previo e por escrito iso si, para “garantir” que o empregado acepta o 2×1 voluntariamente, e non por medo a que o despidan.

Este novo horario, ademais de pouca confianza, fai que me asalte a dúbida de se o incremento da xornada acabará sendo como as ‘happy hour’ dos bares de copas. Será o corpo ‘proletario’ capaz de aguantar as ‘ofertas’ do mercado laboral?

Que lonxe parece que quedaron xa as reivindicacións e protestas polas 35 horas semanais! Agora semellan algo antigo, desfasado, incompatible con esa nova Europa que se está forxando desde Bruxelas. Un proxecto común no que o euro marca o paso baixo unha“nova bandeira”:

nova_bandeira_europea.gif

E quizais tamén ao compás dun novo himno

Arquivado en: Diario | Comentarios (2)

Galicia limita co espazo exterior

Por Marcos Ferro
Xun 6

Primeiro axioma do nacente imperio Galego Galáctico. Repitan comigo: “Galicia limita co espazo exterior”.

Cando os nosos insignes e visionarios políticos e empresarios propuxeron botar un satélite a pacer no espazo tomámosllo a coña. Pero falaban en serio. Dentro duns meses veremos saír cara o espazo a primeira pedra -mellor dito o primeiro ladrillo- da futura Federación de Comercio Pangalaica. Polo menos.

O de ladrillo ten o seu sentido despois de ver o tamaño da criatura: dez por dez por dez centímetros. Tampouco é que o tamaño sexa determinante se o tomamos polo que é: un proxecto educativo da Universidade de Vigo, e se sae ben, cousa que non dubidamos, mesmo poderá servir para algún uso científico do que aínda non nos informaron.

Dito doutra maneira, sen quitarlle unha chisca de mérito á Universidade, este non é para nada un proxecto ‘dos de facer país’, por falar no idioma dos políticos, aínda que non dubiden que cando este cativo esté en órbita ímonos cansar de escoitar o retrouso “Galicia nación punteira, Galicia non hai com’ela”. Para ir cultivando o escepticismo, saben que é exactamente o que imos mandar ó espazo? Pois algo como isto.

Cubesat, o esquelete

Un aparello que ata o venden con todalas pezas nun cómodo kit de montaxe, e que xa puxeron en órbita antes ca nos medio cento de universidades e institucións de todo o longo do mundo.

Este mecano ‘made in USA’ pódese conseguir dende uns 6.000 dólares. Case pasa por un deses proxectos de carpintería que soen levar a cabo algúns granxeiros de Oregón con moito tempo libre. Obviamente, no prezo só van incluídos os mecanismos básicos para que o ‘picosatélite’ chegue ao espazo. Cousas tan básicas como as placas solares -a ver quen é o listo de ir cambiarlle as pilas, se non- véndense a parte. E o mesmo para os equipos de transmisión.

En realidade, a montaxe do satélite non é nada espectacular nin excesivamente cara. As pezas e a circuitería básica son tan estándares que ata teñen portos USB-vese na foto, fíxense-, e utilizan tarxetas SD para a almacenaxe de datos. O que conta, e encarece o proxecto é o que cada desarrollador coloca dentro desta sorte de mac mini sideral. Isto é realmente o que pode diferenciar o proxecto da UVigo do duns amantes do ‘bricomanía’.

Por certo que nesta iniciativa da Universidade de Vigo colabora Retegal, a empresa de capital público que se ocupa dos servizos de telecomunicación. Sen deixar de ser lóxico, a un chámalle a atención que poñan tanto empeño en proxectos que terán un impacto escaso ou a longo prazo no fin da fenda dixital, mentres queda, por aquí embaixo, tanta banda ancha por sementar aínda…

Rotativa cúbica

Rotativa cúbica

Así son as cousas do xornalismo. Ás veces parecen un contrasentido, pero quizáis só é cuestión de velas dende unha perspectiva diferente. Como non nacemos aprendidos, iremos debullando os nosos descubrimentos nesta esquina da rede.

Comentarios recentes