Onde está o xornalismo?
Por anxacorrea
Mai 23En conversas de dez-quince minutos, o máis normal é que escoites un par de tópicos e pode que algunha boa ocorrencia. Desculpen que non poña enlaces. Pero a de Carlos Estévez é das que, como xornalista, máis me conmoveu (non no sentido cursi da palabra). Fai pensar que a escusa das superestuturas, ou o que é o mesmo, do condicionamento do traballo do xornalista por parte da empresa, é un labirinto no que é fácil caer, pero no que tamén sentirse cómodo para que nada “externo” perturbe unha “vida normal”.
Por outra banda, outro espírito libre e crítico pon sobre a mesa que en realidade a culpa é da lei do mercado, que corrompe o exercicio da información. Tamén o profesor Luís Álvarez Pousa lembrou esta mañá na presentación dun manual de tratamento informativo da violencia de xénero que nun tempo no que a información se rixe polo seu “valor económico e consumista”, cómpre non esquecer “o valor solidario da noticia”.
Apañar unha reportaxe nunha tarde para ir tirando non vale. E ser altofalante a soldo, tampouco. Quizais sería necesario, entre todos, recompoñer este panorama cada vez máis caótico no que nos movemos.
