Comunicados e terrorismo
Por Claudia Neira
Mai 12Cando unha organización terrorista fai público un comunicado, como xornalista a unha asáltanlle unha serie de dúbidas que nin as case esquecidas clases da Facultade, nin a práctica da profesión resolven por completo.
A máis urxente delas é en que ocasións se lle debe dar difusión a unha mensaxe dos terroristas. Sempre? Cando ameazan? Cando asumen a autoría de atentados?

O que a priori me dicta a cabeza é que para aqueles que decidiron ‘expresarse’ coa violencia as palabras pasan a un segundo plano. Por iso as súas ideas, as súas críticas, penso que non deberían ser reproducidas nos medios de comunicación, xa que esa difusión é unha propaganda de balde que non merecen.
Se Al Qaeda fai un chamamento aos seus seguidores para que cometan atentados, cantos menos deles o vexan mellor. Se ETA quere criticar ao Goberno central e autonómico (ou a quen sexa) e falar de liberdade ou independencia, debería facer por respetar a liberdade dos demais.
O único comunicado de ETA que publicaría sen dubidar e en portada sería o anuncio de que a banda deixa as armas e abandona o terrorismo para defender as súas ideas primeiro desde a palabra.
