Déannos ‘ese’ titular
Por Betti Vázquez
Mai 5Empeza a conta atrás para a nova reunión da Mesa do Leite para falar de prezos e de contrato homologado. Dende Medio Rural todo se ve ‘rosa’, pero os gandeiros non as teñen todas consigo. Van alá moitas negociacións e ningún acordo. Eles deixárono claro. Queren vivir do leite. E queren facelo por enriba dos intereses políticos.
Pero esta é unha guerra na que combatemos todos. Hai uns meses os prezos estaban polas nubes, e dicíannos que había moita demanda dende Asia. Agora firmas coma Leite Río quéixanse de que non venden. En Asia xa non se bebe leite?
Pese a todo, semella que ó campo de batalla só saen os gandeiros. A última concentración, en Compostela, foi noticia en tódolos xornais. Arroiaba, pero a auga non foi excusa para as máis de 7.000 persoas que percorreron as rúas pedindo o que xa lles corresponde: prezos xustos.

Foi a última dunha longa serie de manifestacións que ocuparon a primeira plana nos medios. E o mesmo pasou coas anteriores xuntanzas entre Medio Rural e os sindicatos, que foron noticia pola falta de acordo.
Pero perderánse na memoria. Porque a actualidade, por moi negra que sexa, mastígase e trágase. Agora toca outra reunión. Outro episodio do eterno conflito. Poderemos informar, á fin, do ‘Acordo na Mesa do Leite‘? Déannos ese titular.
