Arquivo de Mai, 2008.

Jiménez Losantos, os medios como arietes

Por ArturoLosada
Mai 30

Esta semana vimos a Federico Jiménez Losantos sentado no banco dos acusados, unha imaxe que tal vez debería ser máis habitual tras anos linguaxe groso, acusacións infundadas e calumnias a todo aquel que non fora do seu agrado.

A estas alturas xa estarán vostedes enterados do caso. Alberto Ruíz-Gallardón dixo un día que non lle parecía ben usar o 11-M como ferramenta de oposición política, e iso valeulle a Losantos, coa súa elegancia habitual, para chamarlle “traidor, siniestro, bandido, lacayo del Gobierno, caradura e hijo de Satanás. Te lo repito, alcaldín, 200 muertos, 1.500 heridos y un golpe brutal para echar a tu partido del Gobierno. Te da igual, Gallardón, con tal de llegar tú al poder”.

No xulgado, Losantos intentou a complicada carambola de demostrar que esta diatriba tan fermosa non é un delicto de inxurias, pero as excusas que puxo ao seu favor están a altura de clásicos “o meu can comeu os deberes, profesora”. Dixo que insultando ao alcalde buscaba xustiza para as vítimas do 11-M, do mesmo xeito, suponse, que os EEUU buscan democracia nas súas correrías militares internacionais. Dixo tamén que na radio non se diferencia información de opinión por que será, enton, que nos avisan tras o pito das horas de que comeza un informativo? losantos.jpg

En fin, entra dentro do normal que o locutor/pontífice intente defender a súa causa. Pero o que xa máis que pensar é que Pedro Jota Ramírez e José Alejandro Vara pechen filas en torno a el, por unha extraña ‘cortesía profesional’, algo que non tiveron valor para facer nin sequera os altos representantes do PP máis ‘ultramontano’ unha vez postos ante o xuiz.

Din eles, os grandes mediáticos, que o que está en xogo neste xuizo é o dereito dos xornalistas a xulgar e a valorar as noticias, de ahí que saian en defensa de Losantos, preocupados por ter que poñer a remollar as súas barbas.

Máis non, penso eu. O que ten que decidir aquí a señora maxistrada é o dereito a empregar o poder dun medio de comunicación como ariete contra os rivais, a dicir calquera cousa só para facer dano sen preocuparse de se é certo ou non, algo que certas cabeceiras da dereita semellan dispostas a defender custe o que custe.

Máis aló da falta de rigor, da rutina, da interpretación interesada e do adormecimento do sentido crítico, males comúns na prensa española e mundial, están os insultos, a agresión directa e a mentira. Son cousas ás que a lei lles debería poñer freo. E agardo sinceramente que o fagan neste caso.

Arquivado en: medios | Comentarios (5)

Onde está o xornalismo?

Por anxacorrea
Mai 23

En conversas de dez-quince minutos, o máis normal é que escoites un par de tópicos e pode que algunha boa ocorrencia. Desculpen que non poña enlaces. Pero a de Carlos Estévez é das que, como xornalista, máis me conmoveu (non no sentido cursi da palabra). Fai pensar que a escusa das superestuturas, ou o que é o mesmo, do condicionamento do traballo do xornalista por parte da empresa, é un labirinto no que é fácil caer, pero no que tamén sentirse cómodo para que nada “externo” perturbe unha “vida normal”.

Por outra banda, outro espírito libre e crítico pon sobre a mesa que en realidade a culpa é da lei do mercado, que corrompe o exercicio da información. Tamén o profesor Luís Álvarez Pousa lembrou esta mañá na presentación dun manual de tratamento informativo da violencia de xénero que nun tempo no que a información se rixe polo seu “valor económico e consumista”, cómpre non esquecer “o valor solidario da noticia”.

Apañar unha reportaxe nunha tarde para ir tirando non vale. E ser altofalante a soldo, tampouco. Quizais sería necesario, entre todos, recompoñer este panorama cada vez máis caótico no que nos movemos.

Cuestión de perspectiva

Por Silvia Canabal
Mai 20

Hai un mes, o pesqueiro vasco ‘Playa de Bakio’ foi asaltado por piratas somalís en augas do Índico. Os políticos prometeron medidas e onte mesmo a ministra de Medio Ambiente, Rural e Mariño pedía á UE que no marco da ONU se estableza un sistema de seguridade colectiva para evitar a piratería nas augas do Indico.

Mentres España pide vixilancia, a ONU xa prometeu intervir no conflito que vive Somalia para tentar pacificar o país e poder poñer fin á piratería.

Pero un mes despois, en Somalia hai outros titulares:

A fame ameaza a 2,6 millóns de persoas, un 35% da poboación

Somalia e Iraq, os países máis violentos do mundo segundo o ‘Índice Global da Paz’

somalia1.jpg

Cuestión de perspectiva

Benvido LV

Por Redacción
Mai 20

A partir de hoxe, a versión dixital de ‘LV. De Luns a Venres‘, o primeiro gratuito en galego, únese á ‘familia Galiciae’.

Ata o de agora, a versión web deste xornal xa enlazaba a noticias de Galiciae.com pero seguía a ser formalmente independente. Dende hoxe, adopta un deseño e unha estrutura similar á dos restos de medios da plataforma (Galiciae.com, El Progreso, Diario de Pontevedra e o económico Nova+) pero coa súa propia cabeceira.

Ademais da maioría dos contidos xa dispoñibles en Galiciae.com -na súa versión galega- o usuario poderá atopar novas firmas, a hemeroteca en PDF ou os puntos de distribución do xornal. Progresivamente, iránse abrindo novas fiestras e contido e ampliando a colaboración entre a redacción de Galiciae e a de LV.

snap_lv_blog.gif

‘LV. De Luns a Venres’ apareceu en novembro do 2006 como unha aposta por construir un novo medio galego e en galego. Actualmente distribúe 50.000 exemplares nas setes principais cidades galegas.

A dirección habitual de LV (www.l-v.es) segue dispoñible, pero o acceso tamén está aberto pola nova dirección lv.galiciae.com.

Arquivado en: Diario | Comentarios (0)

Comunicados e terrorismo

Por Claudia Neira
Mai 12

Cando unha organización terrorista fai público un comunicado, como xornalista a unha asáltanlle unha serie de dúbidas que nin as case esquecidas clases da Facultade, nin a práctica da profesión resolven por completo.

A máis urxente delas é en que ocasións se lle debe dar difusión a unha mensaxe dos terroristas. Sempre? Cando ameazan? Cando asumen a autoría de atentados?

eta_comunicado

O que a priori me dicta a cabeza é que para aqueles que decidiron ‘expresarse’ coa violencia as palabras pasan a un segundo plano. Por iso as súas ideas, as súas críticas, penso que non deberían ser reproducidas nos medios de comunicación, xa que esa difusión é unha propaganda de balde que non merecen.

Se Al Qaeda fai un chamamento aos seus seguidores para que cometan atentados, cantos menos deles o vexan mellor. Se ETA quere criticar ao Goberno central e autonómico (ou a quen sexa) e falar de liberdade ou independencia, debería facer por respetar a liberdade dos demais.

O único comunicado de ETA que publicaría sen dubidar e en portada sería o anuncio de que a banda deixa as armas e abandona o terrorismo para defender as súas ideas primeiro desde a palabra.

Arquivado en: Diario, Dúbidas | Comentarios (0)

Déannos ‘ese’ titular

Por Betti Vázquez
Mai 5

Empeza a conta atrás para a nova reunión da Mesa do Leite para falar de prezos e de contrato homologado. Dende Medio Rural todo se ve ‘rosa’, pero os gandeiros non as teñen todas consigo. Van alá moitas negociacións e ningún acordo. Eles deixárono claro. Queren vivir do leite. E queren facelo por enriba dos intereses políticos.leiteeeee_post.jpg

Pero esta é unha guerra na que combatemos todos. Hai uns meses os prezos estaban polas nubes, e dicíannos que había moita demanda dende Asia. Agora firmas coma Leite Río quéixanse de que non venden. En Asia xa non se bebe leite?

Pese a todo, semella que ó campo de batalla só saen os gandeiros. A última concentración, en Compostela, foi noticia en tódolos xornais. Arroiaba, pero a auga non foi excusa para as máis de 7.000 persoas que percorreron as rúas pedindo o que xa lles corresponde: prezos xustos.
leiteeee_post.jpg
Foi a última dunha longa serie de manifestacións que ocuparon a primeira plana nos medios. E o mesmo pasou coas anteriores xuntanzas entre Medio Rural e os sindicatos, que foron noticia pola falta de acordo.

Pero perderánse na memoria. Porque a actualidade, por moi negra que sexa, mastígase e trágase. Agora toca outra reunión. Outro episodio do eterno conflito. Poderemos informar, á fin, do ‘Acordo na Mesa do Leite‘? Déannos ese titular.

Arquivado en: Diario | Comentarios (0)
Rotativa cúbica

Rotativa cúbica

Así son as cousas do xornalismo. Ás veces parecen un contrasentido, pero quizáis só é cuestión de velas dende unha perspectiva diferente. Como non nacemos aprendidos, iremos debullando os nosos descubrimentos nesta esquina da rede.

Comentarios recentes