Con estilo de confidencial
Por ArturoLosada
Abr 28Pasado xa o seu boom, as páxinas estilo ‘confidencial’, que permiten dicir calquera cousa sen esa pequena molestia de ter fontes que a confirmen, están nunha certa crise de credibilidade.
Eu persoalmente, non acabo de entender por que… Co doado que é facer un confidencial crible…
Este xornalista pasaba o outro día , á tarde, pola coñecida Rúa do Hórreo, de Santiago de Compostela, sede do poder lexislativo de Galicia, cando se cruzou coas ilustres costas do engominado presidente de certo partido político da oposición (que comeza por P e acaba por P), coas do seu secretario xeral e coas do seu voceiro parlamentario.
Era día de pleno, e de mañá o líder opositor viña de pelexar co presidente do goberno autonómico (que comeza por Tour e acaba por iño) así que este xornalista, fiel ao deber cotilla da súa profesión, puxo a orella a ver que escoitaba.
Falaban do menú do día do restaurante do lado, que estaba malo e tal. ¡Manda truco que un político de alto nivel teña que comer de menú! Para que logo digan que os deputados cobran moito…
Pero nesas, una señora que tiña toda a pinta de ir de camiño a mercar algo á Praza de Abastos, recoñeceu aos insignes representantes do seu voto e achegouse á eles, agarrando ao líder polo brazo:
- Oes, hai que ter máis sentidiño, home …
- Si, señora, e logo por que?
Lamentablemente, chegados a ese punto, este xornalista xa sobrepasara pola rúa ao grupiño e non puido escoitar máis da conversa, por aquelo de non resultar cantoso de máis. Pero enterouse do suficiente como para afirmar que minten os que din que a nova escola de políticos galegos de dereita non sabe como achegarse á xente.
