Comeza o show

Por Juan Castro
Abr 14

Dixerido os nomeamentos dos ministros e perfilado a estrutura do goberno, chega a hora das valoracións:


¿Goberno continuista?
Mantra número 1 do manual do bo goberno: ”Se funciona, non o toques”
Mantra número 2 do manual do bo goberno: ”Se non funciona, lembra que máis vale malo coñecido que bo por coñecer”

¿Explica isto a continuidade de Magdalena Álvarez, Bermejo ou Moratinos? A medias.

Sinceramente, pouca xente -aparte dos cataláns- deberon ter tantas ganas como ZP de tirar un muñeco vudú con forma de Maleni ó foso dos caimáns. Pero cotas territoriais e presións de Manuel Chaves á marxe, o Ministerio de Fomento ten por diante meses de actividade frenética.

Keynesianismo obriga: “se a crise ves chegar, pon a obra pública a licitar”, así que case é preferible que a ‘mala coñecida’ acelere as obras antes de que o ‘bo por coñecer’ tarde medio ano en ubicarse.

Paradoxo, ¿traerá Maleni a tempo o AVE a Galicia precisamente pola desaceleración económica? Santo Tomás exclamaría “Ver para crer”. Un galego desencantado preferirá dicir que “Pos sus obras (públicas) las conoceréis”.

Bermejo freou a súa incontinencia verbal cun pacto in extremis que parece terlle salvado o pescozo. Agora ben, a folga nos xulgados máis longa da Democracia é un xogo de nenos comparado co que se lle ven encima, a reforma dun sistema xudicial obsoleto, incompetente e carcomido por anos de desidia. E polo visto ata o momento, parece complicado que Bermejo se preste a ser o Atlas que mova esa pedra.

¿Goberno de xestión?
Caldera, ‘cerebro’ da oposición, vitoria e reelección de Zapatero. Joan Clos, metido na política municipal dende 1979. Cristina Narbona, política autonómica e nacional dende 1982. Todos saen do goberno.

A cambio entran Sebastián, Aído, Garmendia e Corredor. Sumando todos os seus anos de actividade política, non temos nin media lexislatura. Só Celestino Corbacho semella curtido nas engranaxes da política municipal e autonómica.

Parece en todo caso unha clara aposta por un gabinete de xestión, que resolva problemas máis concretos que os que marcaron a axenda durante toda a primeira lexislatura de Zapatero. As cuestións identitarias quedarán nun segundo plano mentres decidimos como repartimos as fabas. O nomeamento de Alonso como voceiro parlamentario ou a elección de Zapatero en segunda volta parece encadrarse nesta mesma estratexia. Queda por ver se o PP está polo labor.

¿Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Medio Mariño?
Malia o que pensen algúns, non é mellor ter dúas carteiras que pinten pouco que un grande que funcione ben. Aí temos o exemplo do Ministerio da Vivenda.

Dende hai un ano, Jean Louis Borloo é o ministro francés do Estado, de Ecoloxía, da Enerxía, do Desenvolvemento Sostible e de Ordenación Territorial e o quilométrico título non lle impediu sacar adiante un dos plans ambientais máis decididos e valentes que viu Europa.

O problema do Ministerio “3M” (ou Ministerio de “ambiente e medio”), non é o aumento de competencias que se supón, como mínimo, equivalente ó orzamento. O problema é xuntar nun mesmo saco as preocupacións dos ecoloxistas, dos pescadores e dos agricultores e esperar que sexa a mesma persoa a que se sente a negociar con eles.

Espinosa non ten a mesma consideración na Moncloa que entre os sufridores do campo e do mar, así que coa crise petando a porta e o sector ó borde da folga, o panorama non semella moi optimista. Se a Xustiza fai folga, os tribunais atáscanse, pero a vida segue adiante. Se os médicos fan folga, os pacientes pásano moi mal, pero o mundo segue xirando. Pero se os agricultores se cansan de tanto mamoneo e se plantan, o país paralízase. Que non o esquezan Espinosa nin ZP.

¿Sebastián ou Solbes?
Se houbo un tema recurrente na rolda de prensa de De la Vega tralo primeiro consello de ministros foi a boa relación e respeto mutuo entre todos os membros do gabinete. ¿Dime do que presumes e direiche do que careces? Por se acaso, Solbes xa sacou as garras cun “o vicepresidente son eu” que retrotrae ós clásicos latinos ou ó absolutismo francés do XVIII.

A lexislatura comeza con crise e loita de egos. Isto promete máis que unha película de romanos, póñanse cómodos.

PostMortem: ¿Onde quedan aqueles que aseguraban que Pepiño sería o novo ministro de Fomento ou que no seu defecto colocaría a alguén da súa confianza?

Arquivado en: Dúbidas

Deixa unha resposta

Rotativa cúbica

Rotativa cúbica

Así son as cousas do xornalismo. Ás veces parecen un contrasentido, pero quizáis só é cuestión de velas dende unha perspectiva diferente. Como non nacemos aprendidos, iremos debullando os nosos descubrimentos nesta esquina da rede.

Comentarios recentes