Como se elixen os senadores?

Por ArturoLosada
Mar 25

Estes días, a lea que hai montada no Parlamento de Galicia está a contribuír a escurecer o noso xa de por si complicadiño sistema político, entre tanto insulto e tanta media verdade. Así que merece a pena facer un capítulo da serie Cousas que habería que contar nas noticias pero non se fai porque non queda sitio.

Di a Constitución (art. 69) que cada provincia reparte catro senadores, excepto as insulares, que reparten cinco para compensar, e Ceuta e Melilla, que teñen dous cada unha. Estes 208 senadores en total serán escollidos por sufraxio libre e democrático.

Por eles xa se votou no 9-M. En Galicia, o PP levou tres senadores en cada provincia e o cuarto en discordia foi sempre para o PSOE. Aí se reflicte o feito de que os populares son os máis votados, pese a estar agora na oposición.

Ademais, xa que o Senado é (presuntamente) unha cámara territorial, os parlamentos autonómicos poden escoller directamente alomenos un representante, e outro máis por cada millón de habitantes. Eses senadores por designación autonómica son, nesta lexislatura, 56 en toda España e quedan en mans da maioría parlamentaria.

Feijoo tacha su papeleta

Galicia, cos seus 2,7 millóns de habitantes, reparte tres senadores. A maioría parlamentaria, PSdeG e BNG, ven de outorgarlle un a cada un dos tres grupos con representación no Hórreo. Co cal, por Galicia, o PP ten 13 senadores, o PSOE 5 e o BNG 1.

Os moitos anos que o PPdeG tivo a maioría absoluta, adoitaban repartir dous senadores para eles e un para o segundo partido máis votado, que é o resultado de aplicar a Lei D’Hont aos votos das últimas eleccións autonómicas. Din que o facían así por consenso, pero en realidade nunca lles preguntaron o seu parecer aos outros grupos. Tiñan a maioría absoluta e podían aprobar o que lles dera a gana, así fora darse tres senadores a si mesmos.

Agora, o PSdeG e o BNG tamén aproban o que lles dá a gana. A súa opción aumenta o pluralismo no Senado, pero so é así porque ambos os dous partidos están obrigados a poñerse de acordo. Cousas do sistema.

Deixa unha resposta

Rotativa cúbica

Rotativa cúbica

Así son as cousas do xornalismo. Ás veces parecen un contrasentido, pero quizáis só é cuestión de velas dende unha perspectiva diferente. Como non nacemos aprendidos, iremos debullando os nosos descubrimentos nesta esquina da rede.

Comentarios recentes