O discreto ¿encanto? da fidalguía
Por anxacorrea
Mar 18Parece que desta vai a definitiva. Un equipo de tres técnicos de Patrimonio poderán acceder nunha data secreta ao Pazo de Meirás, despois de 70 anos de uso exclusivo da familia do Paco do Ferrol. Con bastante probabilidade, a que fora casa de Emilia Pardo Bazán pasará a ser Ben de Interese Cultural, o que permitirá ao curioso entrar polo menos catro días ao mes.
Algún lector xa propuxo algunha idea para convertelo en museo. Outros sentirán como vitoria propia que a filla de Franco teña que pedirlle permiso á Xunta para pintar as paredes da súa residencia de vacacións.
Como xornalista, a unha gustaríalle ter acceso a certas fontes para coñecer exactamente como se pasa de un “terei moito gusto en facilitar o acceso ao mesmo a esa Dirección Xeral aos efectos de comprobar o seu estado de conservación, que procurei que fose o correcto”, escrito por Carmen Franco a Patrimonio en xaneiro de 2007, ao peche de portas nos fuciños de agosto e aos procesos xudiciais que, de momento, conclúen aquí. Pero diso, supoño, xa se encargará a Historia.
E por último, unha outra curiosidade (partimos da base de que Carmen Franco non le blogs en galego e que por tanto non estamos dando ideas): sabían que un dono dun BIC pode obter beneficios fiscais e axudas para o mantemento do ben?

