Un día para lembar a ciberdisidencia

Por Silvia Canabal
Mar 12

Este 12 de marzo celébrase por primeira vez, o Día da Liberdade en Internet, organizado por Reporteiros sen Fronteiras e sen o apoio da UNESCO. As Nacións Unidas retiraron o seu repaldo a última hora para non relacionarse coas “manifestacións organizadas para ocasión”, aínda matizando que lles parece moi ben a iniciativa.

É dicir, que está moi ben iso de ter días mundiais, e que é algo encomiable organizarlle un día ás cousas ameazadas, pero se hai que poñer a cara para que China, Birmania, Arabia Saudita & CIA se che suban á chepa e che planten por menos de nada un conflicto diplomático, pois claro, a cousa cambia. É o que veu dicindo Reporteiros sen Fronteiras, que lle botou en cara á Unesco baixarse os pantalóns ante as presións dos países na lista de ‘Inimigos de Internet‘.

manifestacion virtual

Pero con ou sen as Nacións Unidas, a rede global lembra hoxe a ciberdisidencia, organizando manifestacións virtuais en países onde as manifestacións reais serían duramente reprimidas ou directamente imposibles. Un deles é Myanmnar, antiga Birmania, que cinco meses despois da ‘Revolución azafrán‘ desapareceu por completo da axenda dos medios de comunicación.

birmania21.jpgEn setembro de 2007 os monxes budistas saíron ás rúas respaldados por millóns de cidadáns contra a Xunta Militar Birmana. Coa imposición da censura no país e a expulsión dos xornalistas acreditados, internet foi o único medio polo que a disidencia birmana puido facer oír no exterior as súas protestas. Polo menos ata que o Goberno militar impuxo o silencio desconectando o país da rede mundial.

Birmania convertiuse entón no ‘país da intranet, sen internet’, nun pequeno buraco na rede global. O exército esmagou as manifestacións pacíficas ata que deixaron de resoar nos medios de comunicación. E aínda hoxe non está claro cantas persoas morreron manifestándose nas rúas de Myanmar.

Arquivado en: Diario

Deixa unha resposta

Rotativa cúbica

Rotativa cúbica

Así son as cousas do xornalismo. Ás veces parecen un contrasentido, pero quizáis só é cuestión de velas dende unha perspectiva diferente. Como non nacemos aprendidos, iremos debullando os nosos descubrimentos nesta esquina da rede.

Comentarios recentes