Sostiene Mariano
Por Redacción
Mar 12Non houbo noite de coitelos longos en Génova, 13 e o morto velado durante tanto tempo parece ter vida malia o amago de colapso do domingo.¡Rajoy morreu! ¿Viva Rajoy?
De momento, ó berro de ¡filas prietas! obriga á lideresa a gardar o machete na funda. Cunha rolda de prensa lacónica, onde toda a firmeza da voz se lle escapaba polas olleiras, Mariano quixo poñer os idus de marzo do seu lado e aplacar as voces que pedían que entregase -galantemente- a cabeza.
Veremos se lle queda forza para aguantar a tanto Bruto e se o congreso do PP se limita a acatar con resignación unha liña continuista. De momento, para a historia quedará que o PP de Rajoy conseguiu o que parecía imposible hai apenas un lustro: que a Dereita ocupase a rúa un domingo si e outro tamén detrás dunha pancarta e que a Esquerda se mobilizase nas urnas. Vivir para ver. O propio Rajoy recoñecía hoxe que moita xente fora votar ó PSOE ”para que non gobernase o PP”. Pena que a frase fose pronunciada sen atisbo de autocrítica…
Por certo, ollo ao lapsus do segundo 50 no seguinte vídeo: “En cuanto a si me presento para preparar el terreno. Sí, a preparar yo el terreno para ganar yo las elecciones del próximo año” ¿Do próximo ano? ¿E logo terá que temer Feijoo pola súa candidatura nas Autonómicas do 2009?
E falando de Feijoo. Unha vez descartado o seu salto á política nacional, é razoable que queira facer mostra do seu galeguismo. Pregunta: ¿Cantas veces é capaz o líder do PPdeG de pronunciar a palabra Galicia nun minuto? Compróbao ti mesmo.
.
