Se pareces honrado, podes pasar

Por Silvia Canabal
Feb 13

A Comisión Europea presentou hoxe un plan que reforza a seguridade nas fronteiras. Inclúe a posibilidade a longo prazo de instalar un sistema de rexistro facial e ocular que recoñecerá aos viaxeiros habituais, executivos, e xente de ben que crucen as nosas fronteiras para que poidan entrar e sair sen demora. Por outra banda, os descoñecidos e potencialmente perigosos terán que buscar o modo de acreditar os seus motivos de viaxe.

A cousa vén en consonancia coa obsesión masiva pola seguridade que reina no primeiro mundo. A mellor solución parece ser ter fichado a todo o mundo, coa idea de que un megarrexistro de identidades valerá para saber quen é quen e impedir que os ‘malos’ cometan os seus delitos.

En verbas do comisario europeo de Xusticia e Seguridade, Franco Frattini, a intención é boa: “Queremos facilitar as viaxes das persoas honradas e á vez impedir a entrada de terroristas, mafiosos, delincuentes ou inmigrantes ilegais.”

Semella que para o comisario europeo todo é chan. Dá igual que planees un atentado no centro de Bruxelas para matar a milleiros de persoas. Ou que te adiques a meter e sacar de europa maletíns cheos de cartos do narcotráfico. Ou que non teñas que comer no teu país e decidas emigrar, arriscando o pelexo fóra da lei, na busca dunha vida digna. Tanto ten, todos son igual de delincuentes. Primeiro acostumámonos a ver a palabra inmigración seguida de ilegal, agora farémonos á idea de que vela seguida de delincuentes e maleantes.

O grupo de dereitos humanos Privacy International xa denunciou que os plans anunciados por Frattini crearían una “Fortaleza Europa”. O Consello Europeo sobre Refuxiados e Exiliados dixo tamén que canto máis duras sexan as restriccións, máis difícil será para moitas persoas perseguidas atopar a seguridade. Pero Europa seguirá sentíndose segura detrás das súas amuralladas fronteiras, porque crerá que só as atravesan persoas que parecen honradas. O que pasa é que unha cousa é selo e outra parecelo.

Arquivado en: Diario

Deixa unha resposta

Rotativa cúbica

Rotativa cúbica

Así son as cousas do xornalismo. Ás veces parecen un contrasentido, pero quizáis só é cuestión de velas dende unha perspectiva diferente. Como non nacemos aprendidos, iremos debullando os nosos descubrimentos nesta esquina da rede.

Comentarios recentes