Paro, que paro?
Por ArturoLosada
Feb 6No xornalismo, ás veces, actualidade non deixa ver o bosque.
Ás veces énchense páxinas de análises, compatarivas, teorías e especulacións e non se sinala o contexto fundamental, porque non é novidoso, porque se da por sabido ou porque non convén.
Penso nos datos do paro polos que todo o mundo se leva as mans a cabeza dende o luns. Con todo o que se ten falado e escrito sobre eles, non lembro ter lido unha puntualizacion fundamental.
Que en España hai dúas fontes para medir o desemprego.
Unha son as listas do INEM, que se actualizan mensualmente. Dinnos cantos cidadáns se achegaron ata unha oficina de emprego para anotarse como parados.
Outra é a Enquisa de Poboación Activa (EPA), que realiza cada tres meses. É un traballo do Instituto Nacional de Estatística que consiste en preguntarlle a unhas 65.000 familias como fan para gañar os cartos.
Aínda que o primeiro dato é máis obxectivo, o segundo considerase máis fiable. A EPA non conta como parados á xente que, pese a estar anotada no INEM, realiza traballos esporádicos como dar clases particulares, facer chapuzas de albanel, redactar textos por encargo ou vender marihuana.
É dicir, que na EPA se reflicte a economía sumerxida, de sempre tan importante para os ingresos dos españois, e no INEM se reflicte a xente que busca un contrato de traballo. Segundo a EPA, en Galicia hai 96.500 parados, segundo o INEM, hai uns 160.000.
Os índices de paro que tanto medo dan son os do Instituto Nacional de Emprego correspondentes a xaneiro, un mes no que tradicionalmente sube o desemprego porque despiden a toda a xente que colleu un traballo temporal para as campañas de Nadal dos comercios.
Dende logo, non son datos bos, pero tampouco son apocalípticos, como semella crer toda a prensa de Madrid. Polo menos habería que agardar á EPA de marzo para prognosticar a fin do mundo.
Pero claro, iso é a final de mes, e xa terán pasado as eleccións.
