Arquivo de Feb, 2008.

A nena de Rajoy

Por Claudia Neira
Feb 28

Como o debate entre os tres líderes galegos veu sendo unha reprodución algo fóra de lugar do primeiro cara a cara entre Rajoy e Zapatero (con cronómetro, voltas aos datos para verter acusacións mutuas e poucas propostas) iso si, en clave autonómica, voulle dedicar o meu tempo á ‘nena’ que mencionou Rajoy no peche da súa intervención o pasado luns, e que sen dúbida pasará a ser a anécdota pola que se recorde o primeiro debate en eleccións xerais desde ano 1993.

Para mostra, os SMS que comezan a circular asinados pola futura meniña, pero sobre todo os vídeos que xa se poden ver no Youtube, uns simplemente poñendo música de fondo e voz afrautada ás declaracións de Rajoy, outros presentando en animación o futuro ‘posible’ ao que se refería o candidato popular.


Arquivado en: Diario, Terror! | Comentarios (0)

Debate?

Por Betti Vázquez
Feb 26

Un candidato sentado a anos luz do outro. Un moderador incapaz de reconducir cara o futuro unhas intervencións ancoradas no pasado. Unhas quendas controladas por un árbitro de baloncesto agochado en cada esquina do plató. E nin unha soa proposta, nin novidosa nin repetida, ningunha, a dúas semanas das eleccións.

É o resumo do agardado debate entre Zapatero e Rajoy que se celebrou onte. E nunca mellor dito o de ‘celebrou’, xa que levabamos quince anos agardando ver un cara a cara entre os dous principais candidatos á Moncloa. Sen embargo, a montaxe do espectáculo ofrecido moito lembrou a aquel González vs. Aznar.

debate_mesa.jpg

Os dous aspirantes, en teoría máis obrigados a explicar os seus ‘plans’ de futuro ca en revisar os do pasado, fóronse polas ramas. En hora e media de debate (máis os cinco minutos que nin Campo Vidal, cronómetro en man, puido evitar) apenas se escoitou falar de sanidade ou de educación.

A expectación xerada antes do arranque, con conta atrás incluída, presaxiaban un duelo en toda regra. Vaia, que non defraudarían. Pero a longa e pesada presentación de Campo Vidal, coa enumeración unha a unha de tódalas televisións, radios e demais que emitirían o debate, deixou claro dende o primeiro minuto que o formato escollido deixaba moito que desexar.

O deseño pechado dos bloques e o ‘respecto’ dispensado por Zp e Rajoy, que nin se molestaban en darse réplica, converteron noutro debate sobre o estado da nación o cara a cara máis agardado. O monólogo de despedida do candidato popular queda para a memoria.

Temible satélite velenoso ameaza a Terra

Por ArturoLosada
Feb 21

O noso ínclito analista internacional, Iván Villarmea, falaba hai unha semana do ‘poder brando‘, dos EEUU, a súa habilidade para vender todo o que fan como un espectáculo e lograr espazos mediáticos pola anécdota e non pola análise.

Hoxe vimos unha proba de como funciona o truco, de como se pode vender unha demostración de poderío militar como xesto altruísta.

Durante a mañá, varios medios abriron as súas edicións con variantes deste titular (escollo o de El Mundo por ser moi canónico).Titular de El Mundo

A xesta heroica está servida. Un satélite fóra de control que cae sobre a Terra, cun depósito cheo de gases tóxicos. O presidente dos EEUU, os sempiternos salvadores do mundo, ordena unha dificilisima operación militar para destruílo e acabar co perigo. 60 millóns de dólares para lanzar un super-mísil dende un barco cheo de xornalistas. Só dez segundos para impactar no obxecto en órbita, e unha remota posibilidade de acertarlle a pequena caixa de combustible… Canta emoción, que gráfico tan bonito imos poder colocar nas páxinas de internacional.

A historia, como todo guión de Hollywood, e tirando a inverosímil. Se o depósito de combustible era tan pequeno ¿que dano podería facer diluído a un gritón de metros de altitude? Se o satélite caía ¿no se queimaría coa fricción da reentrada da atmosfera? Se o gas tóxico de marras era hidracina, moi corrente en propulsión espacial ¿son todos os satélites e transbordadores terribles armas químicas?

Pero claro, se colle Bush e di: “Imos rebentar un satélite vello que temos por aí, así en plan peliculeiro, para fardar de mísiles e meterlle o medo no corpo aos inimigos na liberdade”, todo o mundo poñeríao como o malo da película, en vez de como heroe salvamundos. Aos chineses pasoulles hai un ano.

Arquivado en: Terror! | Comentarios (0)

A que van os galegos á biblioteca?

Por anxacorrea
Feb 14

Asociación de ideas…

Inauguración Biblioteca Pública de Santiago

(Inauguración da Biblioteca Pública de Santiago, aínda sen libro, en época electoral. E de paso, fastidiando as estatísticas. Foto: Otto. AGN)

Arquivado en: Diario | Comentarios (0)

Se pareces honrado, podes pasar

Por Silvia Canabal
Feb 13

A Comisión Europea presentou hoxe un plan que reforza a seguridade nas fronteiras. Inclúe a posibilidade a longo prazo de instalar un sistema de rexistro facial e ocular que recoñecerá aos viaxeiros habituais, executivos, e xente de ben que crucen as nosas fronteiras para que poidan entrar e sair sen demora. Por outra banda, os descoñecidos e potencialmente perigosos terán que buscar o modo de acreditar os seus motivos de viaxe.

A cousa vén en consonancia coa obsesión masiva pola seguridade que reina no primeiro mundo. A mellor solución parece ser ter fichado a todo o mundo, coa idea de que un megarrexistro de identidades valerá para saber quen é quen e impedir que os ‘malos’ cometan os seus delitos.

En verbas do comisario europeo de Xusticia e Seguridade, Franco Frattini, a intención é boa: “Queremos facilitar as viaxes das persoas honradas e á vez impedir a entrada de terroristas, mafiosos, delincuentes ou inmigrantes ilegais.”

Semella que para o comisario europeo todo é chan. Dá igual que planees un atentado no centro de Bruxelas para matar a milleiros de persoas. Ou que te adiques a meter e sacar de europa maletíns cheos de cartos do narcotráfico. Ou que non teñas que comer no teu país e decidas emigrar, arriscando o pelexo fóra da lei, na busca dunha vida digna. Tanto ten, todos son igual de delincuentes. Primeiro acostumámonos a ver a palabra inmigración seguida de ilegal, agora farémonos á idea de que vela seguida de delincuentes e maleantes.

O grupo de dereitos humanos Privacy International xa denunciou que os plans anunciados por Frattini crearían una “Fortaleza Europa”. O Consello Europeo sobre Refuxiados e Exiliados dixo tamén que canto máis duras sexan as restriccións, máis difícil será para moitas persoas perseguidas atopar a seguridade. Pero Europa seguirá sentíndose segura detrás das súas amuralladas fronteiras, porque crerá que só as atravesan persoas que parecen honradas. O que pasa é que unha cousa é selo e outra parecelo.

Arquivado en: Diario | Comentarios (0)

A band apart

Por Redacción
Feb 11

A Xunta, Caixanova, Caixa Galicia, o Banco Pastor e Manuel Jove únense para impulsar a sociedade financeira Crecentia Galicia.

band_apart_jalisia.jpg

Quen será o noso Señor Marrón?

band_apart_tarantino.jpg

Arquivado en: Diario | Comentarios (0)

Sobre o visado por puntos…

Por Claudia Neira
Feb 9

O Partido Popular propón un ‘visado por puntos’ para os estranxeiros que queiran vir traballar a España. Como nas oposicións, os inmigrantes irán subindo na lista de preferencia para entrar no país mediante unha suma de méritos profesionais, ou por ter a sorte de vir dalgunha das nacións que o PP considera que manteñen “vínculos históricos” con España.

Como os populares non adiantaron o baremo que seguirán cualificar aos futuros inmigrantes -se gañan as eleccións- ídesme permitir apuntar alguns posibles criterios que poderían aplicar tendo en conta as declaracións realizadas por membros do PP estes días:

- Coñecemento do idioma español (seguro que dá puntos e ademais lles facilitará cumprir as condicións para asinar o ‘contrato de integración’ que tamén propoñen os populares).
- Puntuable para traballar na agricultura: experiencia na colleita manual de froitas e verduras (segundo tempada).
- Puntuable para a hostalería: acreditada capacidade memorística (posibilidade de establecer un test en base ao listado dos Reis Godos).
- Puntuable para o servizo doméstico: Familiaridade coas tarefas de limpeza e mantemento do fogar.

Porque claro, os traballadores altamente cualificados xa adiantou o coordinador do programa electoral do PSOE que recibirán “visados especiais”.

Arquivado en: Diario | Comentarios (1)

Paro, que paro?

Por ArturoLosada
Feb 6

No xornalismo, ás veces, actualidade non deixa ver o bosque.

Ás veces énchense páxinas de análises, compatarivas, teorías e especulacións e non se sinala o contexto fundamental, porque non é novidoso, porque se da por sabido ou porque non convén.

Penso nos datos do paro polos que todo o mundo se leva as mans a cabeza dende o luns. Con todo o que se ten falado e escrito sobre eles, non lembro ter lido unha puntualizacion fundamental.

Que en España hai dúas fontes para medir o desemprego.

Unha son as listas do INEM, que se actualizan mensualmente. Dinnos cantos cidadáns se achegaron ata unha oficina de emprego para anotarse como parados.

Outra é a Enquisa de Poboación Activa (EPA), que realiza cada tres meses. É un traballo do Instituto Nacional de Estatística que consiste en preguntarlle a unhas 65.000 familias como fan para gañar os cartos.

Aínda que o primeiro dato é máis obxectivo, o segundo considerase máis fiable. A EPA non conta como parados á xente que, pese a estar anotada no INEM, realiza traballos esporádicos como dar clases particulares, facer chapuzas de albanel, redactar textos por encargo ou vender marihuana.

É dicir, que na EPA se reflicte a economía sumerxida, de sempre tan importante para os ingresos dos españois, e no INEM se reflicte a xente que busca un contrato de traballo. Segundo a EPA, en Galicia hai 96.500 parados, segundo o INEM, hai uns 160.000.

Os índices de paro que tanto medo dan son os do Instituto Nacional de Emprego correspondentes a xaneiro, un mes no que tradicionalmente sube o desemprego porque despiden a toda a xente que colleu un traballo temporal para as campañas de Nadal dos comercios.

Dende logo, non son datos bos, pero tampouco son apocalípticos, como semella crer toda a prensa de Madrid. Polo menos habería que agardar á EPA de marzo para prognosticar a fin do mundo.

Pero claro, iso é a final de mes, e xa terán pasado as eleccións.

Con dous…

Por Juan Castro
Feb 4

Perdonarédesnos o autobombo, pero non podo resistirme a poñer algunhas das rotundas afirmacións de Fernando Sánchez Dragó durante a entrevista que lle fixo a compañeira Anxa Correa.

 

drago_blog1.jpg

- “El problema de España es la pérdida de valores. (…) Si añadimos nuevos valores, estaríamos cayendo en lo que estoy denunciando: el multiculturalismo. que es comparable a la caída del Imperio romano. El multiculturalismo significa la anulación de todos los valores en la tentativa de encontrar otros nuevos. ”

- “El libro describe la España con la que se topa uno cuando enciende la televisión, cuando sale a la calle, cuando para en una discoteca: la España hortera y chabacana, desgreñada, envidiosa, malhablada, que ha pasado del mito del Cid al del Pocero.”

- “Si vienen a decirnos que el ‘tam tam’ de una tribu africana vale lo mismo que la Novena Sinfonía de Beethoven, eso no es un nuevo valor, es un desvalor.”

- “Occidente está en el fondo del problema, es un accidente mortal para la humanidad por esta cosa del monoteísmo, que es la cuna del nacionalismo. (…) No hay que ser nacionalista, sino patriota.”

- “Grecia, Roma y Egipto fueron una patria. España también y yo llegué a conocerla, tú no.”

- “Yo soy yo, lo primero de todo, soy nadie, soy Fernando Sánchez Dragó. Después de eso, soy de Soria, castellano, español, europeo, ciudadano del mundo y criatura cósmica. Todos nosotros somos círculos concéntricos y en lugar de restarnos, nos suman.”

E sen dúbida, as miñas preferidas:

- “Ahora estoy en Santiago de Compostela y soy tan gallego como tú. Soy de donde estoy. He pasado una noche fatal porque me zampé una lamprea que me sentó como un tiro, así que más gallego imposible…”

- “¿A ti te gusta la lamprea? A casi ninguna mujer le gusta, es una comida de hombres.”

 

sd2.jpg

Unha profesión ”real”

Por anxacorrea
Feb 2

Os que non teñen que traballar de cando en vez se paran a pensar a que se dedicarían se tivesen que levar as fabas a casa e non llelas trouxesen en bandexa dourada. Así, o Borbón junior sempre sentiu atracción polo mundo do xornalismo, aínda que ao final estudou unha carreira de proveito e todo quedou como unha vocación “consorte”.

Chegado aos 25, agora o Príncipe William afronta as incertezas propias desta idade: o futuro laboral. No seu entorno xa lle van buscando enchufes, por se aquilo da guillotina se volve poñer de moda ou por non cantar demasiado. Barallan un posto no Ministerio de Asuntos Exteriores ou nalgún departamento do Goberno para ver como traballan os funcionarios. Pero o máis probable é que o primoxénito de Lady Di sexa plumilla por un ano. ¿Haberá Feugas tamén na pérfida Albión?

Rotativa cúbica

Rotativa cúbica

Así son as cousas do xornalismo. Ás veces parecen un contrasentido, pero quizáis só é cuestión de velas dende unha perspectiva diferente. Como non nacemos aprendidos, iremos debullando os nosos descubrimentos nesta esquina da rede.

Comentarios recentes