Todo é pantalla…
Por anxacorrea
Dec 18É curioso como cada ano a prensa galega asiste (asistimos) ás decisións da Academia do Cine Español como ao final da liga. Nese momento, deixan de existir os rivalismos entre Celta e Dépor (ou o seu equivalente) e simplemente nos vale con que algún dos agraciados bailase na súa vida unha muiñeira.
É a época para sentir unha especie de “orgullo nacional” por aquilo que durante o ano pasou sen pena nin gloria polas pantallas (as que quedan e nas que deixan).
A Academia valora do cine galego a animación e as curtametraxes, categorías que no día a día das televisións e das nosas opcións na taquilla se equiparan a “equipo de alevíns” e “segunda división B”. Como se demostrou cando, postos a alixeirar a gala, as curtas foran consideradas o máis prescindible.
Mentres, aquí se debate se tirar cara o modelo de El orfanato (máis comercial) ou cara o de Las 13 rosas (máis identitario). Veremos se nos Mestre Mateo atopamos esa mesma batalla.
___
PostMortem: Unha mala nova para Santiago e os amantes do cine. Pechan os Multicines Compostela. A capital galega queda así sen outro espazo de exhibición tralo peche este mesmo ano da Sala Yago, que ofrecía cine en versión orixinal. Só os Valle-Inclán e Cinesa-Área Central persisten en Santiago fronte ao peche paulatino de varias salas en Galicia.
