Despistes
Por Betti Vázquez
Dec 12Dende que Fernando Alonso e McLaren Mercedes rescindiron o contrato que os unía, a prensa colocou ó asturiano en case tódalas escuderías de cara á vindeira tempada. Dando un xiro de moitos graos, nas últimas semanas os xornais falaban de que non correría con ninguén. Os medios fixéronse eco das declaracións do piloto escocés de Red Bull, David Coulthard, e comezouse a barallar a posibilidade dun ano sabático.
O seguinte paso foi falar do enlace cun dos catro volantes que agardaban máis firmemente polo ovetense, Renault, Honda, Toyota e Red Bull. Pero o contrato sería só por un ano, xa que Alonso quería fichar por Ferrari na vindeira tempada.
Finalmente, as dúbidas despexáronse e a escudería que aprobeitará o tirón do asturiano será Renault. De súpeto, “despistámonos” e o ano sabático ou a duración do contrato deixaron de importar. Os plumillas fomos ó que nos interesaba: o soldo. Canto cobraría Alonso?
O baile de cifras oscilou os “25 ou 35 millóns de euros” que recibiría segundo Televisión Española (dez arriba ou dez abaixo…), os 42 que lle pagaría AS, ou os menos de 16 que gañaría segundo Manel Serras, o especialista do diario El País. Sen esquecer os 35 que cobraría segundo a maioría da prensa. Galiciae incluído.
Para os xornalistas semellou fundamental dar unha cifra, aínda que estivese e siga a estar sen confirmar. Cando falamos dos atentados de onte en Arxel ou desta mañá en Iraq dicimos que hai “decenas” de mortos e ficamos tranquilos. Decenas. Moitos. Que máis ten cantos? Pero con Alonso hai que afondar máis.
E afondando, boa parte dos xornais converteron ó asturiano no piloto máis pagado da historia no tempo que leva redactar unha noticia. Seguro que o agora retirado Schumacher non concorda co dato. O alemán cobrou na súa última tempada na Fórmula 1 a frioleira de 46 millóns.
De confirmarse algún día o soldo de 35 millóns por ano, Alonso sería, efectivamente, o piloto mellor pagado. Pero non da historia, senón da parrilla. Ás veces, a présa e o afán por dalo todo xóganos unha mala pasada. E de “pequenos despistes” facemos grandes portadas.

O importante é que a Alonso vanlle pagar de máis. E menos mal que non cobra por ser boa persoa…