Círculo vicioso
Por ArturoLosada
Dec 11O tráfico causa 6.000 mortos ao ano no Estado.
Os accidentes laborais, unha media de mil mortos.
As enfermidades cardiovasculares causan algo así como 130.000.
Ningunha desas tres cousas adoita entrar entre as preocupacións dos españois, esas que canta o CIS cada ano, aínda que as dúas primeiras poderíanse evitar cun pouco de esforzo.
Nesa lista, o terrorismo é un clásico. E iso que nos últimos sete anos causou unha media de 0,6 mortos por cada 365 días.
Así a todo, os terroristas dan máis medo que o colesterol e os coches. E quedan mellor nas fotos e nos titulares.
Por iso, cando uns raparigos poñen un petardo na praza da vila, por esa inclinación cara a falcatruada que acompaña de sempre aos exemplares novos de homo sapiens, saen correndo a Garda Civil, os Tedax, a Delegación do Goberno e quen estea de garda.
E por iso, a cousa acaba sendo portada dos medios, aínda que non sexa máis que para explicar que foi unha falcatruada.
